AMTEGA promove a doazón de computadores para a inclusión dixital das persoas maiores

xoves, 23 de febreiro do 2023 S. P.

A Asociación Cultural Galega de Formación Permanente de Adultos (ATEGAL) recibiu este 23 de febreiro unha doazón de 31 equipos informáticos que se destinarán á inclusión dixital das persoas maiores. Esta entrega solidaria de material tecnolóxico materializouse no marco do Programa de Voluntariado Dixital (VOLDIX), promovido pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia. Os equipos foron doados pola consultora multinacional NTT Data, que participa como mecenas dixital no programa VOLDIX.
Segundo explican AMTEGA e Xuventude, esta doazón contribúe á consecución dun dos obxectivos básicos do Programa VOLDIX que suma esforzos para favorecer a inclusión dixital de toda a cidadanía, poñendo o foco nos colectivos en risco de exclusión dixital. Neste caso concreto, a entrega de equipos permitirá á Asociación ATEGAL dispor do equipamento necesario para poder continuar e impulsar a formación de persoas maiores facendo fincapé no eido da alfabetización e capacitación dixital a través das aulas de A Coruña, Vigo, Ferrol, Santiago e Ourense.
Esta colaboración entre ambas entidades persegue “incorporar os coñecementos nas tecnoloxías da relación, a información e a comunicación mellorando a accesibilidade da poboación, especialmente das persoas maiores, ás TRIC e a súa aplicación na vida cotiá promovendo a divulgación dos servizos e beneficios da Sociedade da Información”, engadiron dende AMTEGA e Xuventude.
Pola súa banda, o programa VOLDIX enlaza e interrelaciona o esforzo e as necesidades dos máis de 980 aliados cos que conta na actualidade. Entre estes aliados figuran entidades colaboradoras como ATEGAL e os mecenas dixitais (entre os que se inclúe a consultora NTT Data). No seo desta colaboración, NTT Data ten realizado diferentes doazóns de equipamento a entidades colaboradoras que así o solicitaron. No seu papel de aliado dixital tamén realizou actividades formativas orientadas a varias temáticas como a busca de emprego, novos perfís profesionais, Administración Electrónica, eSaúde, charlas con expertos e obradoiros creación de videoxogos, drons, seguridade nas redes, robótica, Realidade Virtual etc.