AXEGA instalou o seu equipo de drons na Tecnópole ao abeiro das Aula Newton
venres, 10 de febreiro do 2023
No
marco da celebración, este sábado 11, do Día Internacional da
Muller e a Nena na Ciencia, a Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA),
a través do 112 Galicia, realizou este xoves 9 na Tecnópole
de Ourense (Parque Tecnolóxico de Galicia) unha serie de
actividades para o alumnado da Aula Newton. O director xeral de
Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva; e o xerente de
Axega, Marcos Araújo, acudiron ao parque e acompañaron á rapazada
nesta experiencia, ao tempo que responderon ás súas inquedanzas
sobre o 112 e o día a día da Axencia.
Aula
Newton
A
Aula Newton Galicia é un espazo de aprendizaxe de Ciencias,
Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas (STEM polas súas siglas en
inglés) instalado no parque e destinado a promover as carreiras
científicas e tecnolóxicas entre a mocidade “cun enfoque
totalmente práctico e moi innovado”r. Nestas primeiras edicións
céntrase en introducir á rapazada desde 2º da ESO a 1º de
Bacharelato no mundo da aviación. Está impulsada conxuntamente pola
multinacional Boeing, a organización sen ánimo de lucro FIRST
Scandinavia, a Xunta de Galicia e Tecnópole.
112
Galicia
Pola
súa parte, o 112 Galicia busca dar a coñecer este servizo ás novas
xeracións de xeito ameno e próximo, a través da formación no eido
da prevención e a auto-protección. A finalidade é que os máis
novos teñan constancia de que existe este número de teléfono
gratuíto, dispoñible as 24 horas do día e os 365 días do ano en
todo o territorio da Unión Europea, e capaz de xestionar todo tipo
de situacións de emerxencia (bombeiros, sanitarios, policía…).
A
xornada
Durante
a xornada os rapaces e rapazas participantes na Aula Newton tiveron a
oportunidade de saber como funciona este servizo e aprenderon a
empregalo correctamente e de maneira responsable, achegándose
ademais a través dun vídeo ás instalacións públicas de Galicia
onde se atenden este tipo de chamadas. Explicóuselles como actuar
ante unha situación de perigo real, ao tempo que recibiron diverso
material de protección.
Nas
instalacións exteriores do Parque Tecnolóxico de Galicia emprazouse
o posto de mando itinerante do equipo de drons da AXEGA. O alumnado
puido deste xeito experimentar e coñecer mellor como se usan os
vehículos aéreos non tripulados na procura de persoas desaparecidas
ou no recoñecemento de espazos ou edificacións danadas, a través
das súas cámaras térmicas. Este xoves puideron gozar desta
experiencia rapaces e rapazas de 1º de Bacharelato dos Salesianos de
Ourense.
