Abre o prazo para presentar propostas de contidos audiovisuais ao Ames Av Lab

xoves, 21 de marzo do 2024 S. P.

Hoxe abriu o prazo de inscrición do Ames AV Lab, un laboratorio pioneiro de aceleración de proxectos audiovisuais destinado a potenciar a produción audiovisual no municipio de Ames, impulsado polo Concello. O período para presentar solicitudes á iniciativa, co-financiada pola Deputación da Coruña, estará aberto ata o 12 de abril.
Segundo explica o Concello, o Lab esta deseñado coma “un laboratorio para acelerar proxectos audiovisuais que ten como obxectivo principal impulsar a produción audiovisual, fomentar o talento emerxente e dinamizar o novo talento local e posicionar o sector audiovisual galego como referente no ámbito nacional e internacional”. Este laboratorio preséntase ademais como “unha oportunidade única para profesionais do sector, cun enfoque na innovación e a competitividade global”, engade o Concello.
​A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, destaca que “a través deste laboratorio de aceleración de proxectos trátase de dotar de ferramentas ao talento local”. E apunta: “Trátase dun proxecto moi importante no que se fai unha clara aposta polo audiovisual e pola formación de persoas neste ámbito”.
​Dirixido a creadores con proxectos sen iniciar, en fase de creación ou desenvolvemento, o Lab ofrece un “respaldo fundamental” para levar as ideas da concepción á realidade. O laboratorio, apoiado pola Deputación da Coruña, convértese nun catalizador do talento local, proporcionando recursos e apoio experto para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais.
Durante oito meses, os 15 proxectos seleccionados terán acceso a unha ampla gama de servizos conformada por un programa formativo de 138 horas de duración cun enfoque práctico e adaptado ás necesidades específicas dos participantes. Ademais, facilitarase a creación e desenvolvemento dos proxectos participantes co apoio de expertos en emprendemento e do sector audiovisual, mediante titorización, mentoring, asesoramento especializado e financiamento.
As persoas participantes contarán cun espazo de traballo reservado no coworking A Proa, no Polígono de Novo Milladoiro. Ademais, o programa ofrece unha bolsa de axudas de ata dez mil euros por proxecto, destinada a sete proxectos seleccionados a través dun proceso de concorrencia competitiva.

PUBLICIDADE