Accidentado comezo do Prime Day de Amazon

luns, 16 de xullo do 2018 Marcus Fernández

Durante as xornadas de hoxe e mañá Amazon celebra o seu xa tradicional Prime Day, unha xornada de rebaixas que rivaliza co Black Friday e que ten unha dobre función para Amazon, xa que, aparte de conseguir un impresionante volume de vendas tamén consegue atraer usuarios ao seu programa Prime (e fidelizar aos actuais).
Pero este ano semellaba que non ía ser doado para Amazon celebrar o Prime Day nalgúns países europeos, xa que traballadores de Alemaña, Polonia e España están a promover unha folga en protesta das súas condicións laborais. As mobilizacións en España están programadas para tres días seguidos, cun seguimento do 70-80% por parte dos traballadores no cadro de persoal, aínda que no caso dos empregados a través de ETT a asistencia ao posto de traballo foi maioritaria.
Ante as posibles repercusións das mobilizacións dos traballadores a reacción de Amazon foi bastante pragmática, e limitáronse a fixar que os pedidos realizados durante o Prime Day entregaríanse na súa meirande parte durante a xornada do venres, ou sexa, que dan por feito o peor escenario posible á hora de planificar as entregas dos produtos.
Os traballadores de Amazon tamén promovían en redes sociais un boicot ao Prime Day, que podería considerarse un rotundo fracaso, xa que o atractivo das ofertas e a expectación sementada nas últimas semanas fai inevitable que os consumidores realicen compras impulsivas ou aproveiten a ocasión para adquirir algún produto ao que xa tiñan botado o ollo. Como mostra diso temos que, ao iniciarse o Prime Day ao outro lado do Atlántico, a páxina web de Amazon amosou numerosos erros, que facía practicamente imposible para moitos usuarios o acceso ás ofertas ante os numerosos pedidos que estaban a realizarse.
Os problemas de funcionamento da páxina web de Amazon foron principalmente nos EE.UU., aínda que tamén afectou puntualmente a outros países, deixando claro que estamos ante unhas xornadas cun volume de tráfico moi superior ao habitual, e incluso maior que o do ano pasado, superando as previsións e facendo que as incidencias comezasen a manifestarse só un minuto despois de comezar o Prime Day.
Para indicar os erros na súa páxina web e na aplicación móbil Amazon optou por amosar fotografías de cadelos, dando así promoción á política da empresa na súa sede de Seattle, onde estiman que acoden uns seis mil cadelos acompañando aos seus donos ao traballo. De feito, que o erro de páxina non atopada estea acompañado por fotografías de cadelos de traballadores da compañía é algo que veñen facendo dende hai bastante tempo, pero precisamente no Prime Day cobrou relevancia polos millóns de usuarios que atoparon a mensaxe de erro por primeira vez.

Vídeo promocional dos cadelos de Amazon

PUBLICIDADE