GO DIXITEGA presenta ante o ecosistema innovador da UE a futura plataforma da IGP Tenreira Galega
mércores, 8 de maio do 2024
O Grupo Operativo DIXITEGA presentou a futura plataforma TIC da IGP Tenreira Galega. Fíxoo na Conferencia da Rede PAC da UE en Estoril, que se celebra esta semana (até este mércores 8 de maio) onde participa DIXITEGA entre outros grupos convidados e axentes do ecosistema innovador da Unión Europea (arredor dun milleiro de axentes). O proxecto de innovación galego conta cun stand propio desde o que avanzará o funcionamento da plataforma TIC desenvolvida para dixitalizar a cadea de valor da IGP Tenreira Galega.
O obxectivo principal da conferencia é dobre. Por unha banda, resaltar a posta en marcha exitosa da Asociación Europea de Innovación (EIP-AGRI, European Innovation Partnership “Agricultural Productivity and Sustainability”, polo seu nome en inglés) a través dos Grupos Operativos, un dos seus principais piares. Pola outra, aprender desta experiencia para a implementación dos proxectos no marco da PAC 2023-2027.
No evento, Alfonso Ribas, director de Investigación e Innovación da Fundación Juana de Vega, entidade coordinadora do GO DIXITEGA, representará ao consorcio e mostrará os resultados conseguidos ata o momento, así como as fases de traballo que se foron completando desde setembro de 2022 e que culminarán 25 meses despois, a finais de setembro de 2024.
Desde o stand habilitado no Centro de Congressos de Estoril, compartirá un avance da nova plataforma TIC que reúne nun único lugar datos de diferentes fontes para que os axentes da cadea de valor da IGP Tenreira Galega coñezan en tempo real información relevante que les permita optimizar o seu traballo diario.
En xeral, e a través desta aplicación, produtores, cooperativas, industrias alimentarias, cadeas de distribución, organizacións agrarias, centros tecnolóxicos, grupos de investigación ou administracións públicas poderán interactuar e compartir información sobre o custo de materias primas, evolución de prezos, oferta e tipoloxía dos animais dispoñíbeis para comercialización, estatísticas de produción, sacrificio ou consumo, entre outros.
Contexto: barreiras que xeran oportunidades
Segundo explican os impulsores de GO DIXITEGA, o agrogandeiro segue sendo un dos sectores económicos con menor implantación das TIC, “malia que a dixitalización da cadea de valor das producións cárnicas en Galicia é unha das necesidades perentorias para ser máis competitivos e sustentábeis, tanto económica como social e ambientalmente e, a maiores, cumprir os obxectivos do Pacto Verde Europeo e da Estratexia da Granxa á Mesa”.
Segundo engaden, “as principais barreiras detectadas para a transformación dixital en Galicia son o pequeno tamaño das explotacións e, en xeral, as escasas marxes das unidades produtivas e da industria cárnica, que fan difícil acometer os investimentos; tamén é unha desvantaxe a dificultade de acceso a datos públicos e privados; a existencia de fontes fiables e útiles; a falta de interoperabilidade da información e a dificultade das empresas tecnolóxicas para conectar cun sector altamente atomizado”.
O obxectivo final de DIXITEGA foi, por tanto, “achegar solucións prácticas e innovadoras que respondan a estas barreiras para fomentar a competitividade, a produtividade e a viabilidade dun sector estratéxico para o medio rural de Galicia”.
Xornadas formativas en xuño
En paralelo ao desenvolvemento da aplicación, organizáronse xornadas de divulgación do GO DIXITEGA nos principais centros educativos agrarios de Galicia e en xuño están previstas catro formacións específicas para o sector. Serán en Lugo cidade, Becerreá, Vilalba, A Gudiña e Santiago para que os principais usuarios aprendan a manexar a plataforma do GO DIXITEGA, e consoliden o seu uso como ferramenta para mellora da competitividade.