Activa Galicia, no punto de mira da CiberIrmandade

xoves, 27 de marzo do 2008 Fernando Sarasketa

A CiberIrmandade segue a traballar a prol do galego na Rede, tanto alén do ámbito de Galiza como nas iniciativas que saen de dentro dela, non sempre especialmente inclinadas a favorecer o emprego da nosa lingua. Este semella ser o caso de Activa Galicia, a marca comercial do Grupo Comercial Gallego S. A. que, malia ter a súa orixe e unha boa parte do mercado na nosa terra e, polo tanto, ter orientada en boa medida a venda dos seus produtos a cidadáns galegofalantes, non aposta polo idioma como vehículo de comunicación e comercio, segundo informa a CiberIrmandade.
O caso é que este colectivo en liña, como vén sendo costume, xa puxo en marcha unha campaña para pedirlle á devandita empresa o emprego da lingua “ao vivo, a través de catálogo ou no propio ciberespazo”. Deste xeito, xa está habilitado un prego web da CiberIrmandade para que os usuarios da páxina llo envíen ós responsables de Activa Galicia e, asemade, da súa agardada galeguización.