Aerocamaras amosa as posibilidades profesionais dos drons ante estudantes de Lugo
venres, 13 de xaneiro do 2023
A
empresa galega Aerocamaras
aproximou a realidade dos drons, as súas posibilidades e
funcionalidades presentes e futuras, ao alumnado do IES Río Miño de
Rábade (Lugo). Fíxoo este venres 13 de xaneiro pola mañá a través
dunha xornada teórico-práctica de introdución aos vehículos
aéreos non tripulados onde as e os estudantes puideron coñecer as
aplicacións profesionais destes dispositivos e cuestións máis
concretas como a aplicación dos mesmos en escenarios de emerxencia e
seguridade. Participaron estudantes da ESO e de Bacharelato
tecnolóxico do dito centro docente.
A
xornada veu da man de Francisco Collantes, piloto de dron e
responsábel de servizos profesionais con drons en Aerocamaras.
Durante o encontro falou das características e funcionalidades dos
UAV (acrónimo en inglés de Vehículos Aéreos non Tripulados)
profesionais, así como dos sectores laborais nos que se está
implantando e dos organismos públicos que actualmente traballan con
estes dispositivos. Ademais o experto compartiu cos alumnos como
estes aparellos e os programas informáticos que os controlan poden
ser útiles en catástrofes e situacións de emerxencia tales como o
recente accidente dun autobús que caeu ao río en Cerdedo-Cotobade.
En concreto, explicouse aos alumnos como empregando esta tecnoloxía
foi posíbel solicitar datos moi precisos para crear unha
fotogrametría da zona onde tivo lugar o sinistro. “Isto”,
explicou o formador, “permite recrear en 3D o accidente e a súa
contorna e será clave para extraer conclusións periciais e
esclarecer o fatídico suceso”.
Así
mesmo expúxose o protocolo de actuación e intervención de drons en
situacións de emerxencias e rescates, tanto terrestres como
acuáticos: mediante voo de UAV con cámara térmica identificar se
hai vítimas e en que situación están; asistir con dispositivo
aéreo de carga se fose necesario e identificar as coordenadas para
que os equipos terrestres teñan a localización e conciencia da
situación con vistas a que poidan acceder co equipamento necesario;
inspeccionar a contorna; efectuar o levantamento tridimensional da
escena e do sinistro; e, por último levar a cabo a reconstrución do
accidente en 3D para reproducir as condicións nas que se produciu.
Ao
final do coloquio o alumnado mostrou interese pola profesión de
piloto de dron como saída profesional e dos requisitos necesarios
para dedicarse a este ámbito profesional. A xornada terminou cunha
demostración do manexo de drons especialmente dirixidos para voos
profesionais.