Alejandro Suárez advirte no seu novo libro do medre do ciberterrorismo gobernamental

mércores, 28 de outubro do 2015 Fernando Sarasketa

Puidémolo saber os días pasados na Xornada de Informática Xudicial que organizou o CPETIG en Santiago: hoxe en día unha das principais preocupacións dos axentes que combaten o ciberterrorismo e o cibercrime é o crecente protagonismo nestas prácticas de organismos estatais e gobernamentais. A situación, díxose, agrávase cando boa parte dos responsábeis das accións criminais en liña fican no máis estrito anonimato. Estes datos veñen de adquirir estes días unha nova dimensión co lanzamento do libro El Quinto Elemento (Deusto) de Alejandro Suárez Sánchez Ocaña. Nel guíndanse unha serie de claves a ter en conta sobre até que punto os servizos secretos e policiais de ducias de países poderían ter a capacidade para levar a cabo prácticas propias do ciberterrorismo. Por exemplo, sinala o autor, poderían chegado o caso introducir en calquera computador ou dispositivo conectado a Internet material pedófilo ou de contido terrorista.
No libro dánse casos concretos que apuntan ao devandito. Así, fálase directamente das filtracións dos documentos da empresa de seguridade Hacking Team e de como estas filtracións demostraron que o Centro Nacional de Intelixencia chegou a adquirir e a utilizar o software desta empresa italiana para introducir virus troianos en computadores para controlalos de forma remota. Segundo apunta o autor de El Quinto Elemento, o programa en cuestión (Galileo RCS) permite “facer de todo” para roubar datos ou realizar seguimentos a distancia, e mesmo introducir arquivos que podían ir desde vídeos de contido pedófilo a contidos destinados a incriminar aos usuarios dos computadores intervidos.
Alejandro Suárez, autor tamén doutro libro moi adicado á Internet e ás prácticas de espionaxe e control que introducen determinadas corporacións, Espindo a Google, desvela na súa nova obra que arestora hai importantes baleiros de normativa e regulamento que poden ser aproveitados non só por internautas e corporacións de tipo privado senón tamén por determinadas entidades de raizame gobernamental. “A día de hoxe”, di, “as probas obtidas a partir da infección dun computador non serían de índole legal”. E engade: “Internet é na actualidade o campo de batalla máis grande que coñeceu o home e as súas consecuencias son aínda impredecíbeis e incalculábeis”. Segundo fai saber no seu novo libro, “quen domine a Rede que nos interconecta controlará o mundo”. Isto, di, sábeno unha chea de entidades, dende gobernos e exércitos a axencias de intelixencia, pasando por terroristas e hackers en xeral, “todos eles son conscientes diso e están a actuar no ciberespazo sen que a inmensa maioría das persoas saiba nada”.

PUBLICIDADE