Alexa permite escoitar a Radio Galega

martes, 14 de xaneiro do 2020 Marcus Fernández

A finais de outubro estreouse en España a plataforma Radioplayer, que facilita a escoita radiofónica das principais emisoras do Estado dende a web e dende dispositivos móbiles, prometendo que en breve contarían tamén son soporte para os principais asistentes de voz (de feito, a plataforma é compatible con Alexa noutros países), pero tal prestación está a adiarse bastante, de aí que non sorprendan que dende a Radio Galega optasen por estrear unha skill de Alexa de seu.
Deste xeito, se temos algún dispositivo que integre o asistente de voz de Amazon (como os altofalantes Echo) chegará con que empreguemos unha orde falada como «Alexa, pon Radio Galega», «Alexa, abre emisión galega», «Alexa, lanza emisión galega» ou «Alexa, pon emisión galega» para poder escoitar directamente a Radio Galega en directo e completamente de balde, o que resulta especialmente práctico se non temos un receptor de radio FM a man, se estamos nunha estancia na que a cobertura radiofónica é mala, ou incluso se estamos fóra de Galicia.
Do mesmo xeito que podemos iniciar a reprodución da Radio Galega mediante unha orde oral, tamén podemos facer o mesmo para deter a reprodución.

PUBLICIDADE