Altia asume a transformación dixital do Ministerio de Agricultura e Pesca
luns, 6 de febreiro do 2023
O
Ministerio
de Agricultura e Pesca adxudicou á empresa tecnolóxica Altia, con
sede en Oleiros (A Coruña) un contrato por valor de 1.215.630 euros
para a evolución integral da sede electrónica e as aplicacións e
servizos horizontais que lle dan soporte. O proxecto, segundo explica
a empresa galega, “permitirá seguir avanzando no proceso de
transformación dixital do Ministerio cun conxunto de melloras no
ámbito da Administración Electrónica, tanto desde o punto de vista
da arquitectura tecnolóxica como dos servizos asociados á súa
sede”.
Altia
explica que a sede electrónica do Ministerio é un sistema crítico
que permite a cidadáns e empresas a presentación de solicitudes de
diversos tipos de axudas, “todas elas cun nivel de esixencia moi
alto, así como un tempo de resposta inmediato”. O proxecto
encargado a Altia conta cun prazo de execución de dous anos
(prorrogábel por outros dous) e diríxese a dar continuidade a este
proceso de transformación.
Altia
encargarase do “mantemento correctivo e adaptativo” dos elementos
de arquitectura de eAdministración, de novos desenvolvementos para o
portal da eSede, así como de levar a cabo distintos desenvolvementos
para aplicacións e servizos de administración electrónica.
Ademais, asumirá as integracións cos servizos comúns da SGAD ou
outros sistemas externos dispoñíbeis e do soporte á integración
de terceiros coa infraestrutura de eAdministración.
“Cremos
que é unha gran noticia que o Ministerio volva confiar en Altia nun
proxecto tan importante como o da sede electrónica”, afirma Manuel
Aranda, director asociado de Altia, engadindo que “esta iniciativa
permite ao Ministerio consolidar o camiño iniciado cara á
modalidade de servizos xestionados, implantada con éxito no proxecto
Desenvolvemento e mantemento dos sistemas de información
desenvolvidos coas tecnoloxías Java e .NET que xa
nos adxudicaron en 2021”. E conclúe: “Unha vez máis, poñemos
ao dispor do Ministerio toda a nosa experiencia en proxectos
similares, co obxectivo de garantir o pleno funcionamento dunha sede
electrónica que, sen dúbida, é un elemento crítico para os
usuarios”.