Altia e Gradiant recuncan no Foro Tecnolóxico de Emprego

xoves, 14 de marzo do 2019 Fernando Sarasketa

Estes días, até mañá, celébrase na Universidade de Vigo, de man do alumnado das súas escolas de enxeñaría, a edición dezanove do seu Foro Tecnolóxico de Emprego, unha cita referencial para fixar contactos entre as empresas da nosa contorna e a canteira galega de vindeiros profesionais. A cita desenvólvese en Minas, Industrias e Telecomunicación, e inclúe no seu programa conferencias, obradoiros, demostracións e mesas redondas, amais de casetas informativas das firmas participantes. Entre as entidades e empresas que están a ter parte activa no foro (arredor de medio cento) atópanse dúas vellas coñecidas do evento: Altia e o Centro Tecnolóxico Gradiant.
O centro tecnolóxico, que conta con emprazamento propio, comparte no foro os obxectivos dos restantes participantes: acode na procura de novos talentos. Segundo fai saber Leticia Torrejón, responsábel de Selección e Xestión do Talento en Gradiant, “o foro é unha cita obrigada para nós en canto a captación e selección de talento. Cada ano acudimos para coñecer ás novas xeracións de enxeñeiros e enxeñeiras da Universidade de Vigo, que sempre formaron parte do expertise do noso centro”. Ademais, Torrejón indica que “este ano a participación de Gradiant será diferente, co obxectivo de animar aos alumnos a demostrar de que son capaces con diferentes actividades e conferencias”.
Entre esas actividades innovadoras que comenta Torrejón atópase Capture the Flag, unha serie de 4 retos informáticos para que o alumnado demostre as súas habilidades e destreza á hora de resolver problemas relacionados coa programación, redes de computadores e seguridade informática.
Amais, Gradiant tamén terá presenza nunha mesa redonda xunto ás compañías Televés, Optare e Quobis. Por outra banda, o centro tecnolóxico TIC formará parte das empresas participantes no Speed Recruiting, unha serie de citas rápidas onde os alumnos terán dous minutos para convencer ás empresas de que son os candidatos perfectos para formar parte dos seus respectivos equipos. O Speed Recruiting celebrarase este xoves 14 ás 13:00 horas na E.E. de Industriais.
Polo que respecta a Altia, forma parte das fileiras do sector empresarial que acode á cita na procura de talento. Segundo fai saber Roberto Pérez, xefe de proxectos da empresa Altia, unha das firmas clásicas deste foro, “cada vez a participación é maior, tanto entre as empresas como entre o alumnado”. E engade: “Acudimos a este evento dende hai anos e seguirémolo facendo, a día de hoxe non se entendería non estar”, recalca Pérez, que fai fincapé en que “o alumnado sae ben formado, pero, por suposto logo necesitan un tempo para adaptarse e coller a dinámica da aprendizaxe continua”.

PUBLICIDADE