Altia emprestará servizos de consultoría TIC á Axencia Europea de Medio Ambiente

xoves, 11 de xullo do 2019 Fernando Sarasketa

A compañía galega Altia vén de ser elixida pola Axencia Europea de Medio Ambiente para abordar a posta en marcha definitiva e real de Reportnet 3.0, un proxecto dirixido (nas súas liñas xerais) a substituír os informes enviados por correo postal polo correo electrónico. Reportnet 3.0 atópase neste intre nunha primeira fase de desenvolvemento, centrada no deseño dos sistemas de información e arquitectura tecnolóxica.
Segundo informa Altia respecto das tarefas pendentes, nunha fase vindeira requirirase da entrada en xogo de xestores de proxectos, arquitectos de solucións e analistas, antes do labor dos desenvolvedores de software propiamente dito. A continuación abordarase a construción do software, a documentación, a planificación da migración e a capacitación dos usuarios.
O sistema Reportnet foi concibido orixinalmente en 2000 co obxectivo de adaptar os informes por correo postal ás novas necesidades e requirimentos tecnolóxicos. Segundo lembra Altia, Reportnet 3.0 permitirá aos países membros do Espazo Económico Europeo (EEE) proporcionar información para apoiar a formulación da política ambiental da UE.
A Axencia Europea de Medio Ambiente (EEA) é un organismo público da Unión Europea cuxa misión é apoiar á UE no desenvolvemento e aplicación da política ambiental ao proporcionar información relevante, segura, específica e oportuna sobre o estado do medio ambiente e as perspectivas futuras.
Pola súa banda, o EEE proporciona o coñecemento científico independente e o apoio técnico precisos para permitir que a Unión e os países membros tomen as medidas adecuadas para protexer e mellorar o medio ambiente.

PUBLICIDADE