Amazon amosa como serán as súas antenas para conectarse á Internet por satélite

mércores, 15 de marzo do 2023 Marcus Fernández

O servizo de acceso á Internet por satélite promovido por SpaceX, Starlink, está próximo a ter competencia, e será a propia Amazon a que ofreza banda larga mediante satélites de baixa altura co seu Proxecto Kuiper, do que veñen de dar detalles, así como amosar como serán 3 dos seus modelos de antena receptora para poder acceder ao servizo a distintas velocidades.
Amazon pretende que cada antena residencial, cun tamaño de menos de 11 polgadas cadradas, unha polgada de grosor e menos de 5 libras de peso, poida achegar conexións de até 400 Mbps e poidan fabricarse por menos de 400 dólares.
Tamén existirá unha versión máis cativa, de 7 polgadas cadradas e 1 libra de peso, que conseguiría até 100 Mbps de velocidade, e buscaría unha maior portabilidade, así como ter un prezo máis asumible.
Para instalacións máis esixentes teñen prevista unha antena de 19 x 30 polgadas que conseguirá velocidades de até 1 Gbps.
Este proxecto fará uso de procesadores deseñados internamente por Amazon, conta xa con prototipos de satélites coa intención de que a finais de ano inicien a súa fabricación en masa para que na primeira metade de 2024 poida entrar en produción.

O modelo residencial da antena do Proxecto Kuiper permitirá acceder á Rede a 400 Mbps

PUBLICIDADE