Amazon.es abre sección de Alimentación e Limpeza do Fogar

martes, 29 de setembro do 2015 Marcus Fernández

A tenda en liña de Amazon en España inaugurou hoxe a súa sección de Alimentación e Limpeza do Fogar, o que supón un importante paso dentro desta plataforma dixital que achega así milleiros de alimentos non perecedoiros así como produtos de limpeza e coidado da casa, facilitando así que os clientes poidan encher a súa despensa en calquera momento e dende calquera lugar, recibindo os produtos comodamente a domicilio, podendo recibir os pedidos en 24 horas.
Esta nova tenda de Amazon é especialmente atractiva para os usuarios do servizo Amazon Premium, que poderán gozar de envíos en 1 día en calquera lugar de España, mentres que os clientes na Comunidade de Madrid incluso poderán gozar dun servizo expreso de entregas no mesmo día para pedidos feitos antes das 14:45 horas, o que permite facernos unha idea da ambición de Amazon coa súa plataforma de comercio electrónico.
O director xeral de Amazon.es, François Nuyts, asegura que “este lanzamento é un paso importante para Amazon.es. Abrimos a nosa tenda de Alimentación con milleiros de artigos de centos de recoñecidas marcas. E isto é só o principio: ampliaremos o noso catálogo de xeito moi significativo nas vindeiras semanas e meses. De feito, a partires de hoxe mesmo, abriremos a nosa plataforma a produtores e distribuidores locais para que poidan comezar a vender os seus produtos en Amazon. Deste xeito as empresas de alimentación españolas terán a oportunidade de chegar a millóns de novos clientes, non só en España, senón en toda Europa”.
Temos así que Amazon pode operar agora como unha interesante plataforma para a internacionalización dalgunhas marcas locais de alimentación, que poden agora achegar dun xeito rápido e sinxelo os seus produtos a varios países europeos gozando da forte rede loxística de Amazon. Como mostra, no catálogo de saída de Amazon Alimentación podemos atopar conservas de marcas galegas como Dorna.

PUBLICIDADE