Amazon presenta as lentes que deseñou para os seus repartidores

mércores, 22 de outubro do 2025 Redacción

Que Amazon estaba a preparar unhas lentes de realidade aumentada para os seus repartidores xa non é un rumor, e a compañía de Jeff Bezos vén de presentar unhas novas lentes deseñadas para os seus condutores e repartidores co obxectivo de facer as entregas máis seguras, intuitivas e cómodas. Este novo dispositivo integra visión por computador, sensores con intelixencia artificial e tecnoloxía de navegación en tempo real, permitindo aos traballadores realizar o seu labor sen depender tanto do teléfono móbil.
As lentes ofrecen unha pantalla de información superposta (heads-up display) que mostra indicacións de ruta paso a paso, alertas de perigos e tarefas de entrega directamente no campo de visión do repartidor. Ao estacionar o vehículo, o sistema actívase automaticamente e guía o condutor na localización dos paquetes dentro da furgoneta e na súa entrega ao destino correspondente, empregando tecnoloxía xeoespacial propia de Amazon.
Un dos obxectivos principais é reducir as distraccións: os repartidores poden escanear paquetes, seguir as instrucións de entrega e achegar probas de entrega sen apartar a vista do entorno.
As lentes incorporan un pequeno mando colocado no chaleco de reparto, con botóns de control, batería intercambiable e un botón de emerxencia. Tamén son compatibles con lentes graduadas e con lentes fotocromáticas que se adaptan automaticamente á luz ambiental.
A compañía prevé seguir mellorando o sistema, engadindo funcións de detección de erros en tempo real, como avisos se un paquete se deixa nun domicilio incorrecto, detección de pouca luz, identificación de obstáculos ou mesmo presenza de animais no percorrido.
Estas lentes forman parte da estratexia de Amazon para optimizar o proceso de entrega dos pedidos, integrando tecnoloxías de intelixencia artificial e aprendizaxe automática que acompañen ao repartidor en todas as fases da súa xornada, desde a preparación dos pedidos ata a chegada ao domicilio do cliente.