Amazon presenta un asistente de intelixencia artificial para empresas

mércores, 29 de novembro do 2023 Marcus Fernández

No marco do evento AWS re:Invent presentouse o novo asistente Amazon Q, que en vez de estar orientado ás tarefas diarias como Alexa, está dirixido aos negocios, polo que non só busca axudar ás empresas facendo uso da intelixencia artificial, senón que tamén está deseñado coa seguridade e a privacidade en mente.
Amazon Q é un novo tipo de asistente baseado en intelixencia artificial xenerativa que pode axudar aos programadores na despregadura e na operación con AWS; pode achegar respostas rápidas e precisas para os axentes do servizo de atención ao cliente; e tamén pode resolver consultas, xerar contidos e executar accións baseándose nos datos da empresa, acelerando a resolución de problemas e a xeración de contidos.
Este sistema tamén personaliza as interaccións en función do usuario, de xeito que identifica identidades, roles e permisos, para impedir o acceso a datos para os que o usuario non estea autorizado.
Actualmente este asistente conta con varias áreas de experiencia: negocios (con máis de 40 conectores de utilidade para distintos tipos de empresa), AWS (para axudar a traballar cos servizos da nube de Amazon), Amazon QuickSight (para tirar proveito da solución de Business Inteligence de Amazon), Amazon Connect (para os servizos de atención ao cliente) e AWS Supply Chain (que permitirá que os responsables poidan organizar a súa cadea de subministro).

PUBLICIDADE