AmazonFresh podería chegar en breve a España

luns, 19 de setembro do 2016 Marcus Fernández

Amazon non só revolucionou o comercio electrónico de produtos culturais e electrónicos, senón que cada vez aborda máis ámbitos, e tras experiencias en varios países, finalmente podería lanzar en España o servizo AmazonFresh, que permitiría a compra de produtos frescos a través da súa páxina web segundo adianta elEconomista.es, medio que asegura que o servizo botaría a andar a finais deste mes ou primeiros do que vén grazas a un acordo entre Amazon España e a cadea de supermercados DIA.
Ao parecer DIA subministraría a Amazon produtos frescos, deixando fóra a súa liña de produtos de marca branca, e buscaría así completar a oferta actual de supermercado a través da que Amazon España achega produtos de alimentación e limpeza do fogar.
Nos territorios onde funciona AmazonFresh o servizo entrega produtos da compra doméstica en prazos moi axustados, chegando a supor toda unha ameaza para as tendas de alimentación tradicionais, polo que a incorporación de produtos frescos a Amazon.es podería provocar unha reacción noutras plataformas españolas de comercio electrónico que teñan que diversificar para evitar que o xigante norteamericano devore o seu negocio.

PUBLICIDADE