Ames convoca ás investigadoras do concello, futuras e presentes, para festexar o Día da Muller e da Nena na Ciencia

martes, 9 de febreiro do 2021 S. P.

O Concello de Ames adheriuse ás celebracións do Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia, este 11 de febreiro, cun vídeo conmemorativo onde se dá visibilidade ao máis que relevante papel que xoga a poboación feminina do termo municipal en materia STEM (Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas). No vídeo, que se publicará este xoves nas redes, aparecen alumnas dos centros escolares de titularidade pública: IES de Ames, IES do Milladoiro, CEIP de Barouta, CEP Plurilingüe de Ventín, CEIP A Maía e CEIP Agro do Muíño.
Ademais das alumnas, cóntase coa colaboración de mulleres do ámbito da ciencia e innovación de empresas con dese en Ames como Conic Vascular España, Bahía Software, Tecalis Innovacións, así como cunha investigadora matemática e coa médico e xefa de servizo do centro de saúde do Milladoiro.
O vídeo, que vén da man das Concellerías de Promoción Económica e de Igualdade, xorde da preocupación destes departamentos pola escasa presenza de rapazas nas carreiras STEM, un problema que vén dado por estereotipos, prexuízos e ides preconcibidas que veñen de antigo e que se seguen a perpetuar, contra as que loitan, precisamente, celebracións como a deste xoves 11.
A peza audiovisual, que se distribuirá en diferentes formatos e plataformas o 11 de febreiro, foi realizada pola empresa Mirabelle Producións, con sede en Ames.
A concelleira de Promoción Económica e responsábel da área de innovación, Ana Belén Paz, explica que “conscientes da falta de visibilidade da muller na ciencia e a innovación queremos dar a coñecer as distintas iniciativas, que dende o eido privado e o eido público educativo, se desenvolven por mulleres e nenas do noso municipio”. Por iso, engade, “quixemos realizar un audiovisual para a súa distribución en diferentes formatos e plataformas, que amose o peso real da muller e da nena neste eido, e poder presentalo o próximo 11 de febreiro, día no que se celebra o Día da Muller e da Nena na Ciencia e na Innovación”.
Deste xeito, farase pública o labor que, tanto rapazas como adultas, realizan no sector da ciencia. O vídeo farase eco do traballo que fan nenas como Laura Montaña e Rosana Fernández do IES Ames; Clara Trabazo e Antía, xunto coa súa profesora Mónica Parente, no IES do Milladoiro; Martina Rey Pérez, Aixa Tarrio Mato, Enma Martinez Carrillo e Adriana Trenco Varela, alumnas do CEIP de Barouta. Neste traballo audiovisual tamén aparecen Sara Zendón e Elena Ventoso, do CEP Plurilingüe de Ventín; Aldara Domínguez e Candela Penedo do CEIP A Maía, e Zoe Glasscock e Julia Abelleira do CEIP Agro do Muíño.
En canto ás mulleres que se adican a ciencia en Ames, o vídeo mostra empresas innovadoras como Conic Vascular España, dirixida por Paula Rey; Bahía Software, propiedade de Paz Da Pena, e Tecalis Innovacións, empresa rexentada por Berta Caro. Ademais, participan no proxecto Victoria Otero Espinar, unha investigadora matemática, que dispón dunha experiencia en investigación de 32 anos e cunha experiencia como docente de 34 anos, e Magdalena Seco, médico e xefa de servizo do centro de saúde do Milladoiro.

PUBLICIDADE