Ames lanza un paquete de accións para adecuarse ao novo regulamento de protección de datos
luns, 13 de agosto do 2018
Para
quen non o saiba, o pasado 25 de maio entrou en vigor o Regulamento
Xeral de Protección de Datos 2016/679, un novo marco legal europeo
que establece unha serie de obrigas firmes para entidades, empresas e
internautas no que se refire ao garantir a privacidade e a seguridade
da información propia e, por suposto, allea. En materia de
concellos, os cambios implican unha adaptación plena á nova orde
dixital de cousas. Un
exemplo deste proceso é o que acaba de facer o Goberno de Ames, que
vén de asinar un contrato que permite a execución das tarefas de
adecuación ao novo regulamento xeral.
Este
regulamento, como lembraremos, pon en xogo elementos como o principio
de responsabilidade activa, o principio de minimización de datos
persoais, a figura do Delegado/a de Protección de Datos (DPD), a
privacidade dende o deseño e por defecto, as notificacións de
quebras de seguridade que podan afectar aos datos persoais e as
avaliacións de impacto na salvagarda da información, amais da
supresión da inscrición de ficheiros.
O
Concello de Ames, co fin de acelerar e garantir o axeitado
cumprimento destas e outras normas, designou en primeira instancia
unha Delegada de Protección de Datos, figura obrigatoria en todas as
administracións que se encarga de tarefas como informar e asesorar
ao responsable, encargado e empregados das obrigas establecidas na
normativa, supervisar o seu cumprimento, ofrecer o asesoramento que
se solicite sobre a avaliación de impacto relativa á salvagarda da
información e supervisar a súa aplicación, ademais de cooperar coa
Axencia Española de Protección de Datos.
Amais,
o Concello traballa na elaboración do rexistro de actividades de
tratamento, que substitúe a obriga de notificar a inscrición de
ficheiros no rexistro de ficheiros da Axencia Española de Protección
de Datos.
Outra
das accións é o exame do impacto en privacidade, adoptándose as
medidas técnicas e organizativas por medio da análise de risco,
poñéndose en marcha as medidas xurídicas, de seguridade e de
procedementos que sexan precisas, “a fin de que os tratamentos de
datos sexan respectuosos co disposto na normativa vixente”, por
exemplo cando se fan cousas como tratar grandes volumes de datos
persoais a través de tecnoloxías como datos masivos (Big Data),
de Internet das cousas (Internet of Things) ou de
incorporación e construción de Cidades Intelixentes (Smart
Cities).
A
maiores, outras iniciativas impulsadas son adecuar os formularios
para adaptar o dereito de información aos requisitos do novo
regulamento, adaptar os procedementos para atender os dereitos da
cidadanía, confeccionar e implantar políticas de protección de
datos que contemplen os requisitos do Regulamento Xeral ou elaborar e
levar a cabo un plan de formación e concienciación para os
empregados municipais.
Para
o desenvolvemento de todos estes traballos, xunto coa posta en marcha
dos controis e medidas de seguridade técnica e organizativa, o
Concello asinou un contrato menor para a formación, o asesoramento e
a supervisión da DPD (Delegada de Protección de Datos).
