Amigus celebra as vacacións de Semana Santa cunha nova quedada maker

martes, 9 de abril do 2019 Fernando Sarasketa

Este mes de abril a comunidade argalleira con devezos extra de crear tecnoloxías en colectividade e ver canto de lonxe poden chegar as moitas capacidades de cada quen, van ter unha ocasión ideal para facelo: unha nova edición dos Amigus Labs, os obradoiros argalleiros que convocan regularmente os integrantes da Asociación Amigus en colaboración con Merca nas Pontes.
Os obradoiros formarán parte do Fablab Pontes que estará operativo durante toda a Semana Santa (dende o 13 ata o 21 de abril en horario de 10.00 a 14.00 horas) na biblioteca do Conservatorio Profesional de Música. As sesións estarán abertas a toda a cidadanía.
Nas xeiras maker que organiza novamente Amigus faranse avanzar os proxectos abertos en anteriores citas, como por exemplo o barco autónomo solar ou o vehículo solar que participará na regata que se celebrará en Baiona en xuño. Tamén se darán novos pulos á fabricación dun escaner 3D e á optimización das impresoras 3D. Neste punto, será o obxecto de traballo un proxecto impulsado nos últimos meses e que require optimización: a impresora 3D de gran formato creada nas anteriores sesións.
As ferramentas para poñerse mans á obra serán novamente ferramentas de software e hardware libre: dende placas Arduino e Raspberry Pi, ata software de programación, deseño, modelado e animación 3D.
O obxectivo de Amigus é que todo o mundo se implique e descubra as posibilidades que leva dentro. “A cita non deixa de ser un workshop, un obradoiro, o que quere dicir que os asistentes a el han de involucrarse en todo o que alí sucede”, explican dende a asociación, salientando o potencial deste tipo de sesións de traballo para “adquirir novos coñecementos ou habilidades ou intercambio de impresións á vez que se favorecen as tarefas en equipo”.
A idade mínima para participar nos workshops e de 8 anos en adiante, e a inscrición é de balde.
Estas son as entidades colaboradoras: Concello das Pontes • COHEMPO • ENDESA • EuroEume • Nauta • No Ping • Nodo Dixital • Triade • Severiano Agrocomercial • Escourido Asociados • Clip Carbono • Ferretería Marcos • Lujo • Matojoma • You can school of English • Fitter • Pontesa Marmoles y granitos • Desguaces Vilabella • Óptica Carmela • Galiorient • Servicio Móvil • Areco • Panadería San José • Fotografía Fabian • Don Dino • CONPLC • IcoEume • Preludio Musical • Arprosa • Radio Eter