Antstream Arcade permitirá gozar de centos de xogos clásicos en Xbox

venres, 14 de xullo do 2023 Marcus Fernández

Os afeccionados aos ordenadores clásicos e ás máquinas recreativas dos anos 80, 90 e primeiros dos 2000 poderán recuperar 1.470 destes títulos na súa consola Xbox One ou Xbox Series X|S grazas a Antstream Arcade, unha plataforma de subscrición de xogo na nube que ofrece o seu catálogo por 29,99 euros/ano ou por 79,99 euros de por vida (lembrando que a vida da que se fala é a do servizo, non a do usuario).
Este servizo chegará o vindeiro día 21 a Xbox, e permite gozar dos xogos tanto en individual como en modos cooperativos e competitivos locais de entre 2 e 4 xogadores. A plataforma tamén conta con máis de 600 retos de minixogos orixinais, que renóvanse cada mes, para competir cos amigos ou nas clasificacións mundiais.
Aínda que esta plataforma de xogos xa está dispoñible a través da web e aplicacións para ordenador e dispositivos móbiles, sorprende que poida estar presente en Xbox, xa que Microsoft ten o seu propio servizo de xogo na nube mediante subscrición, polo que podemos entender que a compañía de Redmond quere deixar a porta aberta a competidores, especialmente agora que está a ultimar a compra de Activision Blizzard.
O máis interesante de Antstream Arcade é que ofrece o seu catálogo de xeito legal, en contraste coas moitas consolas chinesas que inclúen xogos precargados de xeito claramente ilegal, polo que estamos ante unha opción respectuosa coas compañías que crearon os xogos que tantas horas de diversión nos deron no pasado.

Vídeo promocional de Antstream Arcade para Xbox

PUBLICIDADE