Apple confirma que en marzo permitirá as tendas de aplicacións de terceiros en iOS
xoves, 25 de xaneiro do 2024
A poucas semanas para que entre en aplicación a Lei de Mercados Dixitais, dende Apple anuncian os cambios que van facer en iOS, a App Store e o navegador web Safari para cumprir coa lexislación europea, o que suporá unha grande apertura aos sistemas de Apple tanto para desenvolvedores como para usuarios, xa que permitirán motores de navegación web distintos ao de Safari, novas opcións para o procesamento de pagamentos e incluso xeitos para distribuír aplicacións fóra da App Store.
Os desenvolvedores xa poden probar os novos cambios na beta 17.4 de iOS, que inclúen detalles como tendas de aplicacións alternativas, así como novos frameworks e API para facilitar a creación destas novas tendas de aplicacións e para poder empregar navegadores web alternativos (o que permitirá, por exemplo, que por fin se poida correr un Google Chrome completo en iOS). A posibilidade de usar navegadores alternativos non será unicamente cousa dos desenvolvedores, senón que os usuarios poderán elixir activamente entre varios navegadores web nos dispositivos con iOS do mesmo xeito que pasa actualmente en Windows.
Outra novidade importante será a posibilidade de que os desenvolvedores poidan acceder ao NFC do iPhone para aplicacións de moedeiro e aplicacións bancarias, de xeito que será posible escoller un sistema de pagamentos contactless alternativo a Apple Pay.
Para reducir os riscos de toda esta apertura nos iPhone dende Apple van estrear un mecanismo de notarización de aplicacións (que sería algo semellante ás comprobacións que se realizan na App Store, de xeito que as aplicacións externas poderán gozar dun mínimo de seguridade) e tamén incluirán proteccións para evitar a execución de aplicacións de detectarse que son maliciosas.
Apple tamén dá conta de cambios nas condicións para empresas, con comisións reducidas (do 17% para bens dixitais e servizos e do 10% para subscricións despois do primeiro ano); a estas comisións da App Store habería que engadir unha comisión polo procesamento de pagamentos do 3% (que pode evitarse de empregar unha plataforma de pagamentos externa); e tamén haberá que pagar 50 céntimos de euro por cada primeira instalación anual (de superar o millón) con independencia de se a descarga é da App Store ou dunha tenda de terceiros (pois é unha comisión polo uso de iOS). Deste xeito estiman que o 99% reducirán ou manterán as comisións que pagan a Apple, e menos do 1% serían as que unicamente pagarán unha taxa por distribuír aplicacións para iOS.