Apple culpa á lexislación europea do adiamento de certas funcións dos seus dispositivos

xoves, 25 de setembro do 2025 Redacción

O mirroring do iPhone en macOS é unha das funcións que non están dispoñibles na Unión Europea

Apple vén de publicar un comunicado no que cuestiona o impacto da Lei de Mercados Dixitais (DMA) sobre a experiencia dos seus usuarios europeos. A compañía da mazá asegura que a normativa, en vigor desde 2023, está a provocar adiamentos no lanzamento de funcións, maior exposición a riscos de seguridade e unha experiencia menos integrada entre os seus dispositivos.
Segundo a versión oficial, ferramentas como a tradución en tempo real cos AirPods, a función de mirroring do iPhone no Mac ou novas opcións de privacidade en Mapas non chegaron á Unión Europea porque a Comisión Europea esixe que tamén sexan compatibles con dispositivos e aplicacións de terceiros. Apple sostén que isto compromete a seguridade dos datos (argumento empregado como comodín para oporse sempre á competencia) e atrasa a dispoñibilidade das innovacións (cando é a propia Apple quen adía as funcionalidades).
A empresa tamén alerta sobre os riscos do sideloading e das tendas alternativas de aplicacións, obrigatorias na UE desde a entrada en vigor da DMA. No seu comunicado menciona posibles problemas como calotes, malware ou a aparición de aplicacións de pornografía e xogo que non estaban permitidas na App Store.
A compañía vai máis alá e acusa á normativa de xerar «menos diferenciación» e «competencia desleal», xa que só se aplica a determinados actores do mercado, como Apple, mentres outros fabricantes como Samsung ou marcas chinesas non estarían sometidos ás mesmas obrigas (aínda que omiten que estas compañías non impiden a outros fabricantes desenvolver funcións alternativas ás súas que funcionen nos seus dispositivos).
Cómpre lembrar que a DMA busca precisamente limitar prácticas consideradas de carácter monopolístico e abrir opcións para consumidores e desenvolvedores, e non consolidar a posición dominante de compañías como Apple. A Comisión Europea argumenta que a Lei pretende mellorar a competencia e garantir máis alternativas de servizos dixitais, mesmo se iso obriga a modificar modelos de negocio moi consolidados.
Temos así que o pulso entre Bruxelas e Apple sáldase co secuestro dos clientes de Apple na UE, que vén como algunhas funcións chegan máis tarde ou con limitacións aos seus dispositivos, o que semella unha chantaxe da compañía de Cupertino para forzar á Comisión Europea a relaxar a súa lexislación.