Apple remata 2017 coa primeira caída en vendas de iPhone na campaña de Nadal

venres, 2 de febreiro do 2018 Marcus Fernández

Os resultados de Apple para o primeiro trimestre fiscal de 2018 (que remata o 30 de decembro de 2017) rexistran uns impresionantes ingresos de 88.300 millóns de dólares, o que supón un incremento interanual do 13% e un máximo histórico, deixando claro que o iPhone X superou as expectativas da compañía e, pese ao seu elevado prezo, conseguiu ser o modelo de iPhone máis vendido dende o seu lanzamento.
Curiosamente os resultados de vendas de smartphones de Apple poden verse de xeito positivo ou negativo, e mentres algúns analistas apuntan a caída dun 1,3% no número de teléfonos vendidos (pasando de 78,3 a 77,3 millóns de unidades), o feito de que os prezos do iPhone X sexan moi superiores aos de modelos anteriores supuxo un incremento de ingresos (dun 13%). Iso si, estamos ante a primeira vez na historia do iPhone na que baixa o número de unidades vendidas durante o trimestre da campaña de Nadal.
Ao presentar os resultados, o director xeral de Apple, Tim Cook, destacou que viñan de marcar un fito moi importante, xa que a base de dispositivos activos de Apple superou os 1.300 millóns, o que supón un incremento do 30% en só 2 anos, constatando a crecente popularidade dos produtos da compañía da mazá.
No que a ordenadores persoais se refire, as vendas interanuais caeron un 5%, o que non está mal para un segmento de mercado que leva anos caendo; pero as vendas de dispositivos doutras categorías (como o Apple Watch, os AirPods ou os auriculares Beats) non cesan de medrar, e rexistraron un incremento interanual do 70%. Uns magníficos resultados que deixan con certa incógnita principalmente á hora de analizar a acollida do iPhone X.

PUBLICIDADE