Apple volve facer cambios (insuficientes) nas condicións da App Store

venres, 9 de agosto do 2024 Marcus Fernández

O tirapuxa entre Apple e a Comisión Europea está lonxe de rematar, e a compañía de Cupertino está a ter que xogar ben as súas cartas tras considerar a Comisión que as normas da App Store vulneran a Lei de Mercados Dixitais, polo que veñen de flexibilizar unha vez máis as normas da App Store, buscando así mitigar o impacto de futuras sancións.
Entre as modificacións das condicións inclúe agora a posibilidade de que os desenvolvedores poida integrar ligazóns a sistemas de pagamento externos ou promover outras plataformas, aínda que continúan a sacar tallada das compras incluso se non median nas mesmas. Os desenvolvedores que queiran acollerse aos novos termos terán que pagar un 5% das compras dixitais realizadas a través da súa aplicación durante os 12 primeiros meses de uso da aplicación, e do 10% para os meses seguintes, o que moitas compañías están a considerar un claro abuso por parte de Apple, denunciando que están a quitar uns atrancos para pór outros.
Tim Sweeney, director xeral de Epic Games, é unha das voces críticas coas novas condicións da App Store, asegurando que Apple continúa a impor taxas ilegais que unicamente buscan que para os desenvolvedores non resulte rendible facer uso de tendas alternativas.
Dende Spotify aseguran que as novas condicións son «inaceptables» e salientan que Apple volve ignorar requisitos fundamentais da Lei de Mercados Dixitais (pese a que se lles indicou expresamente) e piden que a Comisión Europea tome medidas xa, facendo efectivas sancións diarias contra Apple até que cumpra coa lexislación.