Aprobado na Coruña o proxecto de ordenanza reguladora da eAdministración
xoves, 23 de febreiro do 2023
A
xunta
de Goberno local da Coruña deu luz verde ao proxecto da Ordenanza
Reguladora da Administración Dixital, unha iniciativa orientada
a mellorar os servizos ofrecidos á cidadanía, ás empresas e ás
demais institucións públicas e privadas desde a Administración
municipal. Segundo explicou o concelleiro de Economía e Facenda,
José Manuel Lage, o proxecto responde ao reto de “adaptar a nosa
ordenanza e a nosa organización aos novos tempos, mellorando os
servizos ofrecidos á cidadanía, ás empresas e ás institucións
públicas”.
Entre
outras cousas, inclúese no marco regulamentario a implantación
dunha rede de apoio á Administración Electrónica que propón dous
tipos de oficinas de atención presencial: unha, de atención cidadá,
que asuma as funcións das oficinas de asistencia en materia de
rexistro, co obxectivo de “axudar a todas aquelas persoas que
precisen de asistencia no manexo dos medios dixitais e o uso da
sinatura electrónica, entre outros aspectos”; e, ademais, puntos
especializados de apoio para a realización de trámites en
determinadas materias, como no caso das actuacións e xestións
urbanísticas.
Por
outra banda, a creación do arquivo dixital único suporá o
almacenamento por medios electrónicos, un proceso seguro e
confidencial, dos documentos administrativos que se xeren en procesos
desta tipoloxía, así como a correcta xestión e conservación dos
mesmos a longo prazo.
Lage
engadiu que a ampliación e actualización de servizos da sede
electrónica, o rexistro electrónico, o taboleiro de edictos
electrónico e demais sistemas e instrumentos do Concello
implantaranse e entrarán en funcionamento nun prazo non superior a
dous anos.
