Arrestado un empresario vigués por espiar á competencia cun troiano

martes, 29 de xullo do 2008 Fernando Sarasketa

O malo dos ordenadores zombi, ao contrario do que acontecería (de existir) coas persoas zombi, é que non se lles recoñece a primeira vista. É dicir: podemos convivir durante anos cun computador infectado (que, como zombi que é, é controlado por outros para infectar máis equipos) e non ter nin máis mínima consciencia deste feito. Nisto, neste labor de asexar sen seres visto, é no que supostamente se apoiou ao longo de meses de continuas sesións internáuticas o empresario de Vigo que vén de ser arrestado pola Policía Nacional. O arrestado, que ao parecer dedicou unha boa parte do seu tempo na Rede a espiar unha compañía da competencia facendo uso dun troiano (e logo escolmando datos sobre o labor do denunciante), foi acusado dun delito de achado e revelación de segredos.

Segundo informa a Policía nunha nota, o proceso de seguimento do empresario xa vén de atrás.

Máis polo miúdo remóntase a hai máis dun ano, intre no que o responsable da firma da competencia (pertencente ao sector das reparacións do ámbito doméstico) denunciou ao acusado por ter chegado de maneira ilegal a diferentes contas de correo electrónico e números bancarios persoais. Logo destes feitos, procedeuse a abrir unha investigación que culminou co achado de certos programas no computador do dito empresario e que foron descargados e instalados de maneira automática no seu equipo en canto este abriu un e-mail que supostamente incluía unha factura. Entre a información roubada polo acusado atópanse datos referentes a clientes e ligazóns comerciais.

PUBLICIDADE