Arrinca Biolumen, o proxecto de iluminación intelixente de Smartiago

martes, 24 de novembro do 2020 S. P.

O proxecto de alumeado innovador de Compostela, abeirado ao proxecto intelixente Smartiago, comezou finalmente a súa andaina. Trátase de Biolumen, proxecto de CPI (Compra Pública de Innovación) que ten como obxectivo o desenvolvemento e aplicación real de sistemas de alumeado avanzados en edificios patrimoniais, que “permitirán reducir o consumo enerxético nun 80% e influír no crecemento da biodiversidade sobre as súas fachadas”, segundo informou o Concello, engadindo que o sistema, pioneiro a nivel mundial, adxudicouse a un consorcio do que forman parte a empresa Televés, Ferrovial e a USC por un importe de 613.581 euros, IVE engadido, co-financiado nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.
Presentaron o proxecto o concelleiro de Turismo, Sindo Guinarte; o director de Novas Liñas de Negocio de Televés, Iván Rodríguez; o director de I+D+I da citada empresa, Sebastián Pantoja; e Patricia Sanmartín Sánchez, investigadora do Grupo de Estudos Medioambientais Aplicados ao Patrimonio natural e cultural (GEMAP), da USC.
Segundo fixeron saber, Biolumen ten como obxectivos concretos un aforro enerxético en torno ao 80% anual; reducir o gasto de mantemento da iluminación ornamental nun 60%, minimizar o gasto empregado na conservación tamén á metade, desenvolver solucións baseadas nos principios da economía circular; e respectar a biodiversidade.
O proxecto, que comeza a súa andaina este 24 de novembro, e que está previsto que finalice o 31 de marzo, divídese en catro fases. A primeira fase, de entrega de análise, estudo de viabilidade e deseño, conta cun orzamento, sen IVE, de 152.127,62 euros. Á fase dúas, de subministro de luminarias prototipo, está previsto destinar 152,127,63 euros, sen IVE. A fase tres é a de instalación e posta en marcha das luminarias, e está presupostada en 152.127,21 euros. E a cuarta e última fase, de finalización da fase de implantación, tería un custo de 50.709,21 euros.
A empresa Televés ten previsto desenvolver un sistema de alumeado ornamental a través dun bioproxector (biofilm), que poida controlar as lonxitudes de onda, o largo de banda, o fluxo de luz e a duración da exposición, co fin de mitigar o medre da biodiversidade nas fachadas. Probarase durante 9 meses na fachada norte da Casa do Cabido, para validala, segundo o director de I+D+I de Televés, “se os resultados que se pretenden obter son certos”.
Patricia Sanmartín Sánchez, investigadora do Grupo de Estudos Medioambientais Aplicados ao Patrimonio natural e cultural (GEMAP), da USC explicou que mentres se aplique o proxecto vanse realizar, en paralelo “estudos de laboratorio”. A finalidade é levar eses estudos ao exterior. Durante eses 9 meses, subliñou, farase unha análise constante do crecemento e de como varía a colonización biolóxica coas luces, tempo suficiente para “un estudo previo”.
O proxecto complétase coa transferencia do coñecemento obtido ao Concello de Santiago. Televés tamén compromete un 10% dos royalties da solución desenvolvida, e un plan de conservación co soporte da operación do programa piloto durante dous anos a partir do remate de Biolumen.

PUBLICIDADE