Arrincan as obras para levar fibra óptica a 1.500 familias de Carballedo

venres, 10 de marzo do 2023 S. P.

A operadora Adamo informou do comezo dos traballos para levar fibra óptica avanza a 1.500 familias e empresas de Carballedo, en Lugo, un concello con 226 entidades de poboación distribuídas en dúas ducias de parroquias. A despregadura de Internet de alta velocidade será un reto para a operadora, que destaca o feito de que estamos a falar dun concello “cunha extrema dispersión entre os fogares, onde cada traballo logra conexión para apenas 10 veciños”. En concreto, explican fontes da empresa, serán necesarias 151 actuacións por parte do operador Adamo para que 1.500 familias do concello poidan contar coa dita tecnoloxía.
A colaboración público-privada, clave
“Esas cifras”, engade Adamo, “dan unha idea da enorme dificultade técnica, do inxente esforzo económico e humano que require proporcionar fibra óptica en Carballedo ou outro municipio similar da Galicia rural”. Malia estes desafíos, “as obras para levar fibra óptica a 1.500 familias de Carballedo xa están en marcha”, sinala Adamo, lembrando que este novo fito histórico en materia de cobertura será posible grazas á colaboración público-privada entre Adamo e o Goberno central con fondos comunitarios é a fórmula que permitirá que os seus veciños poidan contratar ata 1.000 Mb, velocidade que fornece a compañía.
Reunión coa subdelegada do Gobierno
Así llo trasladou este xoves 9 de marzo David Llano, responsable de Adamo en Galicia, á subdelegada do Gobierno en Lugo, Isabel Rodríguez, así como ao alcalde do municipio, Julio Yebra-Pimentel, a quen explicou os detalles sobre o novo equipamento. “Aínda que somos unha empresa especializada no ámbito rural, resúltanos particularmente satisfactorio chegar a Carballedo. En sitios é así é onde comprobamos o valor que ten dar resposta ás necesidades de conectividade do veciños -teletraballo, consultas médicas online, compras por Internet, formación en remoto, etc.- e de como a fibra óptica pode axudar fronte ao despoboamento”, explicou David Llano.
Adamo, en 70.000 fogares da provincia
Cabe lembrar que Carballedo forma parte de todo un plan de despregamento por parte da operadora Adamo, que acumula máis de 70.000 vivendas cableadas en 35 concellos lucenses desde mediados de 2018. Para sufragar os traballos, Adamo investiu 20 millóns de euros e contratou a 300 traballadores locais en enxeñería, despregadura, mantemento e comercialización.
Máis de 100.000 en dous anos
Este proceso de espallamento proseguirá en datas vindeiras, xa que a compañía resultou adxudicataria da última convocatoria de axudas estatais e comunitarias para a instalación desta infraestrutura no territorio. En virtude do orzamento público-privado resultante do Programa Único, de 17,5 millóns, Adamo levará Internet ultrarrápido a 33.000 fogares rurais de Lugo entre 2023 e 2024 para sumar máis de 100.000 inmobles conectados á súa rede de alta velocidade no conxunto da provincia.