As TIC coparon a maioría das compras e reservas relativas ao turismo en Pontevedra
mércores, 5 de setembro do 2018
A
Deputación de Pontevedra deu a coñecer o seu informe sobre o
comportamento da provincia en materia turística no mes de agosto.
Entre os datos máis salientábeis, no balance sinálase que a
provincia acadou no devandito mes un 87% de ocupación hostaleira.
Segundo
fixeron saber a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela
Silva, e o deputado de Turismo, Santos Héctor Rodríguez, a
devandita cifra achega un novo récord en materia de atracción de
visitantes. Tamén sinalaron que entre xaneiro e xullo chegaron á
provincia 742.392 visitantes e que Internet é o medio a través do
que se informan e xestionan a maior parte das súas compras e
reservas. Ademais, fixeron fincapé na valoración que acadou o
destino: 4,69 puntos sobre 5.
A
presidenta da Deputación de Pontevedra resaltou especialmente os
datos relativos á “importancia que ten Internet como medio de
reserva e de información”, e asegurou que “de aquí ao verán de
2019 a revolución que imos facer nas TIC vai ser total e absoluta”.
Nun plano máis detallado, Silva fixo saber que “o destino da
provincia está a vivir importantes cambios no relativo ás novas
tecnoloxías, contemplados no Plan Estratéxico de Turismo, que nos
permitirán confirmar novidades nos vindeiros meses”, novidades
entre as que se inclúe o proxecto Tourist Inside, que
impulsará a aposta por modernizar os recursos turísticos dos
concellos e lograr que as TIC acaden un grande papel na promoción e
na compra de paquetes de viaxes, “xa que o futuro do sector pasa
por elas”, sinalou.
Carmela
Silva lembrou que as TIC son moi importantes en especial para o
turismo estranxeiro e que precisamente a internacionalización é un
dos obxectivos prioritarios marcados no Plan Estratéxico de Turismo.
“É un turismo moi interesante que se move polos motivos que nós
queremos promover, de alta capacidade adquisitiva, que consume moito
e que se move durante todo o ano”, explicou.