As aplicacións móbiles de Wuaki.tv xa son compatibles con Chromecast

xoves, 15 de maio do 2014 Marcus Fernández

O servizo de películas e series de televisión baixo demanda Wuaki.tv publicou esta semana as actualizacións das súas aplicacións móbiles para iOS e para Android, incorporando ambas como principal novidade o soporte de Chromecast, de xeito que os usuarios deste prometedor accesorio de Google poderán ver os contidos de Wuaki.tv comodamente no seu televisor podendo controlar a reprodución dende o seu smartphone ou tablet, converténdose no xeito máis práctico de acceder a esta plataforma.
Para promover este xeito de consumir contidos audiovisuais e probar de xeito intensivo esta nova prestación, dende Wuaki.tv están a lanzar promocións baseadas no Chromecast, como a posibilidade de mercar un Chromecast por 19,99 euros (para o que habería que subscribirse ao servizo de tarifa plana de boa parte dos contidos desta plataforma, Wuaki Selection, que é de balde o primeiro mes e sen compromiso de permanencia), aínda que pode resultar máis atractiva a posibilidade de mercar o Chromecast por 29,99 euros, incluíndo 4 meses de Wuaki Selection (o que permite unha proba máis repousada do potencial do servizo en liña a un prezo reducido, pois habitualmente a mensualidade custaría 6,99 euros). A estes prezos habería que engadir 5 euros de gastos de envío.

Wuaki.tv está a subvencionar a compra do Chromecast para os subscritores de Selection