As empresas socias elixen nova Xunta Directiva para EGANET

venres, 30 de marzo do 2012 Redacción

A Asociación de Empresas Galegas adicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (EGANET) celebrou o pasado mércores en Compostela a súa Asemblea Xeral Anual, na que as empresas socias (por certo na actualidade suman máis de 70) ratificaron co seu voto unha nova Xunta Directiva que, segundo contemplan os seus estatutos, “marcará o camiño” da Asociación nos próximos dous anos.
Dende EGANET informan que a candidatura encabezada por Víctor López, de Ava Soluciones, “foi apoiada por unanimidade polas empresas socias, ao igual que ocorreu cos postos de libre postulación”, precisaron, polo que López repetirá mandato coa mesma arela de traballo que ata o de agora.
Coas votacións do mércores, as empresas danlle lexitimidade e continuidade aos obxectivos e valores que moveron a EGANET neste tempo, e que a levaron, nas súas palabras “a ser un referente no sector a nivel galego”.
Deste xeito, a Xunta Directiva queda conformada como segue:
- Presidencia: Víctor López
- Vicepresidencia 1ª: Alejandro Lamas, de Sixtema
- Secretaría: Ana Búa, de Iterdata
- Tesourería: Rafael Villaverde, de Infonet
- Vice-presidencia 2ª: Mónica Moure, de Ceo Aberto
- Vogal: Xulio César González, de Teaxul
Asemade, os socios e socias de EGANET aproveitaron a xuntanza para aprobar o proxecto e a xestión que a Xunta Directiva saínte levou a cabo nos últimos dous anos, unha Xunta na que repiten o presidente e tamén Alejandro Lamas, anterior secretario e actual vicepresidente 1º.
Outra das cuestións que se tratou ao longo da xuntanza foi a aprobación das altas e baixas de socios, “cun balance altamente positivo”, aseguran, pois dende a anterior Asemblea Xeral ata esta, 20 empresas entraron a formar parte de Eganet, mentres que 7 deron de baixa no mesmo período, “case todas por unha lamentable quebra empresarial por mor da situación económica”, destacou Víctor López.
As novas socias son: VyP Estudio, Human Soft, Pézcalo, Confirmsign, Explica Ingenieros, Redegal,Agalip, Galebook, Agil-AZ, Desonhos, Tagen ATA Lingua e Comunicacións, Tesla Technologies & Software, Camburweb, La Nautica Servicios Náuticos, Elo Technologies, Trileuco Solutions, Consultoría Informática del Noroeste, Streaming Galicia, Avansig e Movendo Soluciones.
Durante a xornada tamén houbo tempo para tratar outras cuestións de interese para as persoas asociadas, como foron o repaso dos informes de xestión e economía, os proxectos nos que a Asociación está inmersa, o estado das relacións con outras institucións e mesmo comentar a boa acollida e repercusión dos Premios Eganet deste ano.
Xa cara ao final da Asemblea houbo tempo para levar a cabo unha quenda de rogos e preguntas que deu lugar a “interesantes reflexións dos socios”, que serviron, entre outras cousas, para expoñer inquedanzas, ideas, erros e acertos que tanto a nova Xunta Directiva como o equipo de xestión aseguran “terán en conta nesta nova etapa de EGANET”.
Dende a Asociación destacan o “respaldo recibido ao novo equipo directivo”, que se fixo notar tanto na propia xuntanza como a través das redes sociais, onde os internautas manifestaban a súa satisfacción polos resultados desta elección, felicitaban á Xunta saínte polo traballo realizado e desexábanlle sorte aos representantes actuais.

PUBLICIDADE