As galegas Cinfo, Galvintec, Igalia e Situm representarán a España no Mobile World Congress de Barcelona

xoves, 27 de febreiro do 2025 S. P.

Red.es, entidade pública adscrita ao Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública, vén de seleccionar por segundo ano consecutivo as empresas galegas Cinfo, Galvintec, Igalia e Situm, entre as 50 pemes tecnolóxicas que estarán no Pavillón de España no Mobile World Congress (MWC) Barcelona 2025, que está considerado o evento global máis importante e influente dedicado ao sector dixital e á conectividade, que terá lugar do 3 ao 5 de marzo na cidade condal.
As ditas empresas están integradas no Clúster TIC Galicia, que informa que o Pavillón de España é o punto de encontro para coñecer o gran potencial do país no ámbito tecnolóxico a través “dunha selección de compañías que representan un alto grao de innovación”. Neste espazo precisamente estarán as galegas Cinfo, provedor de tecnoloxía enfocado no mercado de TV OTT; Igalia, consultora especializada no desenvolvemento de proxectos e solucións de código aberto; Galvintec, empresa de desenvolvemento de software na nube para unha xestión integral do comercio dixital, e Situm, un dos principais provedores mundiais de tecnoloxía e sistemas de posicionamento para solucións de guiado e monitoraxe de equipos de traballo en interiores.
As compañías exhibirán neste lugar exclusivo os seus produtos, participarán en presentacións e actividades de networking, ademais de asistir ás conferencias e mesas redondas do evento. A nivel institucional, contarán co apoio do Goberno de España, que compartirá casos de éxito con outros países e actividades de traballo en rede con delegacións internacionais.