As nosas firmas TIC van a México na procura de apoios e mercado

xoves, 15 de setembro do 2011 Fernando Sarasketa

Unha ollada ao Zócalo de México DF

A Rede é grande pero o mundo tamén. Mentres unha boa parte das olladas do sector TIC estatal diríxense a Estados Unidos e a Extremo Oriente, as cousas acontecen ás veces noutros lugares, e algúns deles tócanos, culturalmente, ben preto. É o caso de países latinoamericanos como Brasil, ao que cómpre engadir importantes mercados en claro desenvolvemento, como por exemplo o de México. Este último destino é un dos grandes escenarios estratéxicos do sector, como establece Plan de Internacionalización para empresas innovadoras e de base tecnolóxica que pon en marcha a Dirección Xeral de I+D. Ao abeiro disto, organízase en outubro unha acción de transferencia tecnolóxica con México, unha misión que inclúe visitas a cidades como México DF, Celaya ou Querétano e que conta co apoio de Ineo e máis a colaboración do IGAPE.
O itinerario TIC inclúe, amais das visitas ás devanditas cidades, reunións coas empresas do país coas que potencialmente existan máis posibilidades de acordo e colaboración, entre as que se inclúe unha xuntanza coas integrantes do Cluster TIC de Querétano. O percorrido, a materializar entre o 8 e o 15 de outubro, ten o obxectivo específico de obter unha “visión real do desenvolvemento tecnolóxico e innovador que se está a xerar no dito país”. As empresas interesadas en participar aínda están a tempo de facelo, así nolo contan dende Ineo, que ten aberta a conta ineo@ineo.org para formalizar a inscrición.