As pinturas rupestres de Penedo Gordo e Penedo do Gato-Lobarzán xa se poden visitar virtualmente

luns, 5 de xullo do 2021 Sandra Rivadulla

As pinturas rupestres esquemáticas prehistóricas situadas en Penedo Gordo e Penedo do Gato-Lobarzán (Ourense) xa se poden visitar virtualmente. Para iso, un equipo multidisciplinar da Universidade de Vigo lanza unha plataforma en liña que integra múltiples recursos que permiten somerxerse no coñecemento destes xacementos.
A iniciativa, realizada no marco do proxecto Inou 2020 PreMedia. Creación dun contorno virtual para a interpretación patrimonial de sitios con pintura rupestre esquemática da comarca de Monterrei, estivo financiada pola Universidade de Vigo e a Deputación de Ourense, ademais de colaborar coa DXXG. Esta comprende dúas liñas de traballo. Dunha banda, aparece PreMedia 1, coordinada por Beatriz Comendador, profesora da Facultade de Historia, mentres que doutro, créase PreMedia 2, liderada por Fátima Braña, profesora da Área de Antropoloxía Social e Cultural.
Beatriz Comendador explica que o obxectivo é “difundir dous enclaves do val do Támega dende a UVigo, localizados fóra do ámbito xeográfico tradicionalmente tratado nos estudos sobre a arte rupestre galega, peninsular e europea, mediante visitas virtuais con diversos recursos interpretativos”. Ademais, engade que “pénsase que será de utilidade para todas as persoas que queiran coñecer estes lugares e achegarse ás manifestacións de pintura rupestre, xa que poden acceder de xeito doado dende os seus dispositivos e explorar os lugares e os contidos divulgativos, decidindo que queren ver e canto tempo dedicarlle. Tamén pode ser de grande utilidade para facer percorridos virtuais dende os centros educativos”.
No caso do Penedo Gordo, a plataforma integrouse a información xerada na intervención arqueolóxica de 2018-2019, financiada pola Xunta de Galicia. Sen embargo, en canto a Lobarzán, fíxose unha intervención específica de limpeza e documentación e integrouse o levantamento topográfico feito polo Clube de Espeleoloxía A Trapa (Cetra) en 2019.
En xeral, optouse por xerar un contorno de accesibilidade en liña multiplataforma que integrase tanto os recursos de carácter interpretativo derivados da propia documentación arqueolóxica dos sitios (fotografías/fotogrametrías tratadas e calcos) coma os elementos novos xerados para a visita virtual (fotografías 360º de bóveda completa e voos de dron). Tamén creáronse textos en galego e en castelán coa información dos puntos da visita e outras informacións sobre os depósitos arqueolóxicos asociados, non visíbeis alí. A maiores, enriqueceuse a plataforma coa incorporación de breves imaxes animadas xeradas expresamente para evocar diferentes momentos temporais dos lugares recollidos e creáronse contidos musicais específicos.

PUBLICIDADE