As publicacións periódicas din que o peche de Google News é unha mala nova para o sector e para a cidadanía
xoves, 11 de decembro do 2014
Tal e como informamos
onte dende Código Cero, Google
cumprirá finalmente a súa previsión pechar o servizo de Google
Noticias ao entrar en vigor a nova reforma da Lei de Propiedade
Intelectual. A decisión veu motivada porque o buscador non cre que
se deba compensar aos medios de comunicación por facer publicidade
dos seus contidos a través dun servizo que non inclúe publicidade,
e do que os propios medios sempre foron os principais beneficiados.
As reaccións á nova non se fixeron agardar, e boa parte delas
coinciden en considerala unha nova negativa. Por exemplo agregadores
como Menéame ou a Asociación Española de Editoriais e Publicacións
Periódicas (AEEPP), que
vén de emitir un comunicado no que cualifica o peche de Google News
como “unha mala nova para os editores e os cidadáns”.
Segundo fai saber, á
supresión da actividade do dito servizo informativa “seguirá
probabelmente a doutros agregadores, debido á inminente entrada en vigor da Lei de Propiedade Intelectual e a
conseguinte redución da liberdade de elección para editores e
usuarios, que tamén ven limitado o seu acceso á información e máis
a capacidade de competir libremente”.
A xuízo da AEEPP, esta
lei “provocará a eliminación dos agregadores e todas as
aplicacións a eles conectadas, o que causará unha diminución do
tráfico das páxinas informativas, co seu correspondente impacto
negativo nos ingresos e na conta de resultados”. De feito, engade a
asociación, moitos sitios de información convencionais resultarán
inviables, véndose abocados ao peche definitivo. En opinión dos
responsables das editoriais e as publicacións periódicas, leis
coma a devandita “colocan ao país no furgón de cola, facéndonos
perder valiosas oportunidades e pondo en risco iniciativas e empregos
no mundo dixital”. Ao fío disto, a AEEPP reclama a suspensión da
entrada en vigor da LPI e, en especial do seu articulo 32.2 (o canon
AEDE).
