As respostas aos nosos desafíos ante o Big Data, nun novo obradoiro de Vitae

martes, 12 de febreiro do 2019 Fernando Sarasketa

Un equipo humano axeitado e os recursos máis indicados para tirar proveito da información, o gran valor do noso tempo, son elementos fundamentais para garantir o éxito de calquera proxecto empresarial, máis aínda se o proxecto en cuestión é innovador e tecnolóxico. Pero, que acontece se a información medra a pasos axigantados (Big Data) e tamén medran as fontes polas que chegan os datos a nós? Pois, de contarmos co adestramento apropiado, non haberá quen desvíe os nosos proxectos do camiño do éxito. De capacitarnos nisto é do que trata o novo curso de Vitae, Deseño e Arquitectura de Solucións con Big Data, que vai pola súa novena edición. Celebrarase na Coruña (días 22, 23, 29 e 30 de marzo) e terá 20 horas de duración.
En palabras de Vitae, “na era da información, onde cada dato importa e pode proporcionar vantaxes competitivas, é preciso coñecer as diferentes aproximacións que temos dispoñíbeis para a xestión desas grandes cantidades de datos, no coñecido como ecosistema Big Data”. En consecuencia, durante a novena edición deste curso de Vitae, avaliaranse as diferentes aproximacións á análise da información a gran escala, mostrando as alternativas de arquitectura dispoñíbeis para dar resposta aos requirimentos de análise de cada organización.
No obradoiro empregarase HDinisght, a distribución Hadoop de Microsoft na nube para os laboratorios prácticos durante o curso, sendo aplicábeis os conceptos achegados no mesmo, tamén, a calquera das distribucións dispoñíbeis no mercado.
Os obxectivos da actividade formativa son os seguintes: coñecer as diferentes arquitecturas dispoñíbeis e posíbeis para definir unha arquitectura Big Data; diferenciar os diversos tipos de requirimentos de análise de información; e introducirnos na analítica avanzada a través dos programas Spark e R.
A cita encamíñase principalmente a profesionais do ámbito das Tecnoloxías da Información (TI) que queiran adquirir coñecementos sobre a xestión, o manexo e a interpretación do coñecemento a gran escala.
O temario abrangue unha introdución a Big Data e Hadoop, a configuración e administración de servizos Hadoop, os fundamentos de Hive, a arquitectura de Apache Spark e unha introdución a Databricks.
O profesional que impartirá o obradoiro será Antonio Soto Rodríguez, enxeñeiro en Informática de Sistemas pola Universidade da Coruña e profesional con máis de dúas décadas de experiencia como consultor técnico experto e certificado, achegando formación na Universidade Microsoft e a empresas e organismos como a NASA, NASDAQ, PEMEX, SERGAS, Citroen, CEAGA, Inditex, Ferroplast, Banco Popular, ABANCA, Xunta de Galicia ou Abertis.

PUBLICIDADE