Así-Red pon en marcha na Rede unha central de reservas turísticas libre de comisións
mércores, 10 de febreiro do 2010
O turismo galego semella que non fai máis que fortalecerse na Rede. Se hai uns días falabamos nesta web da iniciativa Encamínate (posta en marcha para promover o Ano Santo) e máis da páxina de Limiaverde (desenvolvida co obxectivo de fortalecer as casas rurais de Ourense na Internet), agora toca facelo de Breogan.com, unha páxina que como o seu nome indica xorde dende a nosa terra e que consiste basicamente nunha central de reservas turísticas de Galicia. O servizo, que segundo informa a empresa responsable da súa posta en funcionamento (Así-Red) é totalmente gratuíto e non inclúe comisións de ningún tipo, xoga o seu principal papel establecendo contactos entre os turistas que queiran vir á nosa terra e as nosas empresas do sector. Por certo que o portal é froito do seu tempo, de aí que xorda con ligazóns (temáticas, funcionais) estreitas co Ano Xacobeo.
Empresarialmente, iría destinada a firmas de calquera tamaño e tipoloxía (hoteis, hostais, restaurantes, servizos de actividades, etc), poñéndolles ao seu alcance ferramentas para a completa xestión, promoción e venda dos seus produtos. E todo isto, informa Así-Red, a través dunha única web www.breogan.com, “onde calquera turista pode navegar polos distintos servizos, coñecer tarifas, ofertas e dispoñibilidades, consultar opinións, comentarios e valoracións de outros internautas, amais de reservar de xeito directo sobre cada un dos produtos que estean rexistrados no dito portal”.
A idea, máis polo miúdo, é establecer as mellores pontes posibles entre clientes e empresas dentro do noso sector turístico, facéndolle as cousas máis doadas a uns e outros nun intre en que xa todo o relacionado co sector (agás practicamente a propia estancia) se leva a cabo na Rede. “Con Breogan.com”, engade o equipo responsable da súa posta en marcha, “calquera produto turístico galego poderá competir en igualdade de condicións cás grandes cadeas e operadores turísticos, reducir os seus custes de xestión, distribución e comercialización e adaptarse a un contorno cada vez máis competitivo e esixente, facéndolles máis doado ao usuario e ao profesional a consulta de tarifas, dispoñibilidades e reservas en tempo real, a xestión de cupos a través da canle e a optimización das súas tarifas”.
Neste senso, cómpre sinalar que o portal non é simplemente un escaparate de produtos sen apenas marxe para as regras do xogo da Web 2.0 e da comunicación libre. Non, o obxectivo de Así-Red era inserir plenamente a web na tendencia actual de diálogo directo ao abeiro da Internet, permitindo deste xeito a entrada de algo tan difícil de conseguir ata hai ben pouco como a fiabilidade. Dito doutro xeito: os propietarios turísticos rexistrados na plataforma terán que aceptar non só que se fale con eles, senón que se fale deles e que estas valoracións fiquen dispoñibles para outros usuarios que estean interesados nos mesmos servizos. Deste xeito, a comunidade internauta terá marxe abonda para avaliar previamente a calidade dos produtos, na procura de referencias. A través deste xogo, tanto internautas como empresas (que verán como as opinións dos seus clientes suman un historial) sairán gañando.
Así define José Ramón Pais, director xeral de Así-Red, as razóns de ser desta iniciativa: “Cremos que existe unha ampla oferta de produtos turísticos en Galicia con enorme atractivo e calidade, en especial os máis miúdos, que por falta de medios técnicos non é accesible ao gran público que si procura este tipo de produtos; aí precisamente entra en xogo Breogan.com, facilitándolles tecnoloxía de información ás pemes turísticas de Galicia como forma de aproveitar a oportunidade que supón o Ano Santo para o medre dixital, a posta pola innovación e o desenvolvemento de Galicia”.
