AtlantTIC amosará os importantes resultados obtidos co seu proxecto TÁCTICA

venres, 18 de marzo do 2016 Fernando Sarasketa

O centro galego de investigación AtlantTIC vai organizar un evento para dar conta dos froitos acadados ao abeiro do seu proxecto TÁCTICA, dirixido de potenciar o polo de xeración e transferencia de coñecemento TIC creado en Galicia ao redor da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo (EET). Falamos da xornada #MeetTheLAB: TÁCTICA InfoDay, na que se presentarán os resultados de investigación alcanzados en cada unha das liñas de traballo desta iniciativa. O evento desenvolverase o mércores 30 de marzo, en horario de 10h a 13:40h, na EET da Universidade de Vigo.
A xornada dará comezo coa benvida de Nuria González Prelcic, directora de AtlantTIC, e pasará logo a abordar cuestións relacionadas co traballo levado a cabo en TÁCTICA, por exemplo as plataformas SDR (aplicación en comunicacións móbiles por satélite dende RPA), plataformas SDN (aplicación no intercambio eficiente de contidos multimedia e para a optimización da comunicación extremo-extremo en terminais móbiles) ou sistemas de comunicación mmWave (aplicación en redes móbiles 5G e en automoción), entre outras moitas liñas de traballo.
Como lembraremos, os achados de TÁCTICA están detrás de proxectos tan salientables como o que reflectimos dende Código Cero a finais do ano pasado e que consiste nunha iniciativa pioneira para achegar dende a nosa terra (en colaboración con Gradiant e SCR, do grupo Everis Aeroespacial) voos experimentais dun enlace satélite para uso civil. Impulsada e desenvolvida ao abeiro do proxecto TÁCTICA, esta tecnoloxía recentemente probada e validada no Aeródromo das Rozas (Lugo) fai posible transmitir por satélite máis información en menos tempo, mellorando a fiabilidade da comunicación nas diferentes condicións de voo, e aumentando a velocidade de transmisión.
O proxecto TÁCTICA, que conta co apoio do Ministerio de Economía e Competitividade (MINECO) e do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), naceu en 2013 para dar resposta ás inquedanzas dos investigadores galegos, á vangarda do coñecemento e da tecnoloxía; e como alicerce para a xeración de coñecemento aplicado con resultados “claramente transferibles” á industria.
TÁCTICA permitiu investir máis de 8 millóns de euros en I+D+i aplicada realizada en Galicia, no seo da Escola de Telecomunicación. Agora, tras dous anos de “intensa investigación colaborativa” con centros e universidades estatais e internacionais de primeiro nivel, AtlantTIC pechou este proxecto con “resultados alentadores e de gran valor para a industria”, segundo informan fontes do centro de investigación da Universidade de Vigo, que salientan entre estes resultados as devanditas probas reais para o emprego de drons ou vehículos aéreos non tripulados (UAV polas súas siglas en inglés) para o uso civil, a análise de información e contidos na nube ou a definición da tecnoloxía 5G.