AtlantTIC traballa nun novo proxecto europeo para evitar fugas de datos na loita contra o cancro
mércores, 1 de marzo do 2023
Fernando
Pérez-González e Alberto Pedrouzo, investigadores do centro
AtlantTIC (UVigo), coordinados Centro Tecnolóxico Gradiant, serán
os encargados da dirección científica dun proxecto europeo de
eSaúde que busca mobilizar tecnoloxías avanzadas para loitar contra
o cancro ao tempo que se respecta a privacidade do paciente. Trátase
do proxecto Trumpet
(Trustworthy Multi-site Privacy Enhancing Technologies), que
pretende desenvolver unha ferramenta eficaz que evite as fugas de
información da denominada aprendizaxe federada, concepto creado
por Google en 2016, que se emprega en medicina, defensa,
telecomunicacións ou farmacia.
O
traballo de Trumpet, no que tamén participan tamén Reino Unido e
Israel e que conta cun investimento de cinco millóns de euros en
tres anos, materializarase a través de dous socios sanitarios, os
hospitais oncolóxicos de Liege, en Bélxica, e de IRST-IRCCS, en
Emilia-Romaña, Italia.
O
reto da información protexida
Segundo
explican os investigadores de AtlantTIC, a aprendizaxe federada na
actualidade sábese que presenta unha serie de vulnerabilidades en
canto á privacidade, que impiden que os hospitais con unidades
oncolóxicas poidan compartir información das e dos pacientes ao
incumprir o Regulamento Xeral de Protección de Datos Europeo
(General Data Protection Regulation -GDPR-). “Os algoritmos
empregados hoxe en día en aprendizaxe federada para compartir
información pódense reverter, tendo o risco de extraer deles datos
persoais. Polo tanto, non poden ser usados sen a axuda doutras
ferramentas. O que imos facer no proxecto é concibir solucións para
paliar esta vulnerabilidade”, explica Fernando Pérez-González,
investigador do Centro de Investigación en Tecnoloxías de
Telecomunicación da Universidade de Vigo (atlanTTic).
Ata
este momento, Trumpet celebrou a súa primeira reunión de equipo, un
consorcio do que forman parte nove organizacións: dous hospitais
(Centre Hospitalier Universitaire de Liège e Instituto Romagnolo per
lo Studio dei Tumori Dino Amadori), tres centros de investigación
(Gradiant, Commissariat à l’Énergie Atomique et aux Énergies
Alternatives, e Institut National de Recherche en Informatique et en
Automatique), unha universidade (atlanTTic – Universidade de Vigo)
e tres pemes (Time.Lex, Technovative Solutions y Arteevo
Technologies).
Os
investigadores galegos foron elixidos para o proxecto, principalmente
polos tres lustros que levan traballando con cifrado homomórfico, a
tecnoloxía na que se comparte e traballa con información sen que o
dato persoal poida ser descifrado por persoas non autorizadas.
Segundo explica Fernando Pérez, “a lexislación é moi garantista
co individuo e iso non o podemos perder de vista, pero si se pode
chegar a un modelo que permita compartir datos entre hospitais porque
iso melloraría a investigación en tratamentos ou axudaría na
diagnose. Os algoritmos funcionan mellor cando se adestran aportando
moitos datos. A función de autocompletar de Google beneficiase do
adestramento con datos de centos de millóns de usuarios, e por iso é
tan efectivo”.
AtlantTIC
é un dos centros de investigación pioneiros en España en cifrado
homomórfico, no que se centra a tese de doutoramento de Alberto
Pedrouzo, porén, “trátase dun sistema custoso e complexo”,
matiza o investigador, e Trumpet tratará de acadar, nos próximos
tres anos, unha solución híbrida que manteña as vantaxes do
cifrado homomórfico pero que gañe en velocidade e facilidade de
implantación.
Ademais
de desenvolver mecanismos para conseguir “que o procedemento sexa
efectivo sen perder privacidade”, os investigadores da UVigo
deberán cuantificar en que medida é vulnerable o sistema, o que se
denomina métrica de privacidade.
