Automattic merca Tumblr

luns, 12 de agosto do 2019 Marcus Fernández

Tras a crise provocada polo veto dos contidos para adultos en Tumblr resultaba máis que evidente que Verizon non tiña plans para esta plataforma que anos atrás conseguira unha grande relevancia na Rede, polo que non tivo problema en desprenderse da mesma polo que semella un prezo simbólico segundo suxire o The Wall Street Journal.
Temos así que a compañía que Yahoo mercou en 2013 por 1.100 millóns de dólares, e que por desgrazas non soubo adaptarse ao novo contorno móbil (deixando que Instagram ocupase o seu lugar), teríase vendido por bastante menos de 20 millóns de dólares a Automattic Inc, compañía responsable de WordPress.
Que WordPress e Tumblr vaian pertencer á mesma compañía pode verse como un proceso bastante natural, que encaixa á perfección coa boa sintonía que había entre ambas plataformas no pasado, e que unan forzas os equipos de desenvolvemento de ambas plataformas pode propiciar a creación de grandes produtos no futuro.
Queda agora no aire a incógnita de se Tumblr conseguirá recuperar parte da súa visibilidade pasada, xa que semella que dende a súa compra por parte de Yahoo caeu en picado até unha irrelevancia que só pode entenderse dentro do marco de neglixencias de Yahoo.

PUBLICIDADE