Ayaneo suspende as vendas da súa nova consola portátil polo encarecemento da memoria

martes, 24 de marzo do 2026 Redacción

O fabricante chinés de ordenadores consolizados, Ayaneo anunciou a suspensión das reservas da súa consola portátil Next II na plataforma Indiegogo tras un forte incremento nos custos de almacenamento, que chegou a duplicar o prezo de produción respecto ao inicialmente previsto.
Segundo explicou a compañía nunha actualización dirixida aos mecenas do proxecto, o dispositivo, presentado como a súa nova aposta de gama alta con Windows, lanzouse nun momento de prezos xa elevados para os compoñentes de memoria. Porén, tras o Ano Novo chinés, a empresa comprobou que estes custos se dispararan «varias veces» por enriba dos niveis anteriores, facendo inviable manter o produto ao prezo fixado.
Recoñecen que, antes do lanzamento, xa asumiran unha marxe moi reducida (mesmo con perdas) co obxectivo de non defraudar os seguidores da marca. Con todo, a evolución do mercado superou as previsións iniciais, ata o punto de que o custo total da consola se achega agora ao dobre do seu prezo de venda.
Ante esta situación, Ayaneo optou por retirar temporalmente o produto de todas as canle de comercialización e deter novas reservas, evitando así trasladar aos consumidores unha posible escalada de prezos ou condicións inestables. A compañía sinala que non considera adecuado modificar continuamente o importe final en función das flutuacións dos compoñentes.
A pesar desta decisión, a empresa garante que as unidades xa reservadas seguirán adiante segundo o plan previsto e que a produción continuará. Ademais, subliña que a suspensión non implica o fin do ciclo de vida do dispositivo, deixando aberta a posibilidade de retomar as vendas se os prezos do almacenamento volven a niveis máis razoables.
Por último, Ayaneo comprométese a manter o soporte posvenda do produto a longo prazo, asegurando a dispoñibilidade de pezas de substitución e servizos de mantemento, en liña co aplicado a anteriores dispositivos da marca.