Balidea desenvolveu en Drupal 8 a nova web da Universidade de Vigo

xoves, 24 de maio do 2018 Fernando Sarasketa

Os días pasados a Universidade de Vigo presentou a súa nova web, visíbel no dominio uvigo.gal, unha nova e dinámica ferramenta de comunicación na que todos os seus elementos están dispostos para estreitar ligazóns coa comunidade universitaria, as empresas da contorna, as entidades públicas e, claro está, tamén coa cidadanía. Segundo puidemos saber hoxe, a nova web foi desenvolvida en Drupal 8 pola firma galega Balidea.
En palabras dos responsábeis da empresa TIC, a páxina “é o resultado dun proceso que arrancou en outono do ano pasado e que xuntou a varios equipos baixo a imprescindíbel coordinación da área TIC da universidade”. Nese proceso colectivo, Balidea encargouse do desenvolvemento do portal, empregando Drupal 8 e poñendo en xogo toda a súa experiencia previa nunha manchea de traballos semellantes nos que se tirou proveito das anteriores versións de Drupal. No labor despregado agora coa Universidade de Vigo trasladouse a web da institución académica á última versión do que, en palabras de Balidea, é moi probábel que sexa o CMS máis dinámico existente: versátil, seguro e de código aberto.
Balidea, entre as características do novo portal, salienta sobre todo a reutilización de información grazas á conexión do portal coas aplicacións de xestión coas que conta a Universidade de Vigo. O obxectivo, ao fío do devandito, é “reducir o esforzo no manexo interno dos datos e, ao mesmo tempo, garantir a súa axeitada actualización”.
Como lembraremos, a nova web artéllase en cinco grandes apartados: A Universidade (información da institución), Estudar (oferta académica), Investigación (actividade investigadora), No Campus (actividade extraacadémica) e Vén a UVigo (sobre o acceso á universidade). Conta ademais con catro accesos por perfís de usuario: Estudantes, PAS, PDI e Empresas. Segundo explica Balidea, a solución achegada “fixo posíbel trasladar a proposta de deseño e de organización de contidos a un portal web que responde axeitadamente á demanda dunha navegación lóxica e un funcionamento 100% responsive”.

PUBLICIDADE