Balidea pon a súa experiencia ao servizo da nova web das Illas Atlánticas

martes, 1 de febreiro do 2022 S. P.

A páxina web sobre o Parque Nacional das Illas Atlánticas da que falamos en Código Cero con motivo do seu lanzamento foi desenvolvida pola empresa tecnolóxica galega Balidea. Fíxoo empregando a versión 9 do coñecido xestor de contidos Drupal, poñendo a súa experiencia ao servizo dun sitio que quere ser de utilidade para os visitantes á vez que divulgador dende o punto de vista medioambiental.
A páxina foi encargada e impulsada pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) que dirixe Mar Pereira, en colaboración co Parque Nacional das Illas Atlánticas, dependente da Consellería de Medio Ambiente. O seu obxectivo é de constituír o punto de referencia para toda a información oficial relacionada con este espazo natural protexido.
A web está dirixida principalmente a visitantes do parque en todas as súas modalidades e segundo lembra a empresa compostelá Balidea supón numerosas melloras con respecto á anterior a nivel tecnolóxico, funcional, estrutural, conceptual e de deseño. Por exemplo na súa feitura final fronte ao usuario, que presenta un gran impacto, baseándose na técnica flat design para dar prioridade aos compoñentes visuais.
Ademais, Balidea salienta o seu deseño responsive, no que o tamaño e disposición dos elementos adáptase ao tamaño da pantalla das persoas usuarias, “supondo unha experiencia de usuario máis satisfactoria”. Por outra banda, realizouse unha redistribución dos contidos optimizando ao máximo a navegación, con catro grandes seccións (O parque, Visita o parque, Actividades e participación e Educaparque), que abranguen contido informativo e práctico sobre as Illas Atlánticas.
“Neste novo portal”, explica a empresa TIC, “atoparemos todo o que é necesario coñecer antes de visitar as illas: os requisitos a cumprir para visitalas, as autorizacións e permisos necesarios, como tramitalos, como solicitar visitas guiadas ou a normativa e protocolos de aplicación, así como recomendacións básicas a ter en conta”. Así mesmo, recolle toda a información sobre as actividades organizadas polo parque, os cursos ou os programas de voluntariado, e tamén recursos informativos e divulgativos, como mapas de rutas e puntos de interese, folletos ou guías sobre os seus valores naturais e materiais educativos para os máis pequenos.

PUBLICIDADE