Balidea renova o seu contrato con Dinamarca para a mellora da súa eficiencia enerxética

mércores, 22 de febreiro do 2017 Redacción

A empresa galega Balidea, centrada no sector das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) aplicadas ao desenvolvemento e integración de software e exteriorización tecnolóxica, vén de ser elixida novamente pola Axencia Danesa da Enerxía para encargarse das súas ferramentas web encamiñadas á eficiencia enerxética. Balidea renova por outros 18 meses o contrato que mantén cos daneses dende 2013, ano no que se convertía en socio tecnolóxico de cara a impulsar o seu plan de aforro enerxético.
Deste xeito, a compañía galega encárgase da renovación de todos os seus portais web. Cun equipo de traballo dunha ducia de persoas para levar adiante tarefas de análise, definición, desenvolvemento e posta en marcha de máis de doce proxectos. Entre eles: un portal que recolle un modelo xenérico de renovación dunha casa para facela máis eficiente, informes sobre a etiquetaxe enerxética oficial das vivendas e como mellorala, posta en contacto de usuarios con consultores enerxéticos autorizados (que suxiren o mellor sistema de calefacción segundo as características de cada vivenda, que permiten acceder a unha base de datos de profesionais e empresas instaladoras), unha calculadora web de préstamos para afrontar as reformas, etc. Todos estes proxectos teñen unha dobre finalidade: axudar aos daneses a aforrar enerxía no fogar, no traballo e nas administracións públicas; e promover un consumo máis respectuoso co medio ambiente.
Así, o conxunto de todas as aplicacións creadas por Balidea para o goberno danés forma parte do chamado “itinerario da eficiencia enerxética”, que lle permite á cidadanía danesa mellorar a etiqueta enerxética oficial do seu fogar.
Cómpre engadir que grazas a este traballo, Balidea mellorou as súas competencias en canto ao sistema de xestión de contidos Drupal, logrando un dos principais avances neste sistema para interrelacionar todas as aplicacións entre si, de maneira que o usuario tan só ten que introducir os datos unha soa vez.

PUBLICIDADE