Bertamiráns acolleu a presentación do portal web #galegoempresas
xoves, 6 de xuño do 2019
O
consistorio de Ames (Bertamiráns) acolleu hoxe a presentación da
plataforma galegoempresas.santiagodecompostela.gal,
impulsada polos concellos de Ames, Santiago e Teo e destinada a
mostrar e recoñecer a importancia de achegar produtos e servizos en
galego, visualizando o importante labor das empresas locais que
apostan nas súas comunicacións e promocións pola lingua de seu.
Foi
unha xornada aberta ao público en xeral e, por suposto, ás
empresarias e empresarios interesados en coñecer esta ferramenta de
difusión.
Participaron,
por parte do Goberno de Ames, a concelleira de Normalización
Lingüística, Isabel Vaquero, e a concelleira de Promoción
Económica, Isabel González, amais do técnico da empresa Ágora
Aberta, encargado da elaboración desta plataforma web, Óscar
Maceira. Ao acto tamén acudiron os técnicos de Ames Rosa Moreiras,
técnica de Normalización Lingüística, e Jorge Couñago, técnico
de Promoción Económica.
En
termos máis concretos, #galegoempresas ten como obxectivo facilitar
á cidadanía o coñecemento e o acceso á oferta en galego no sector
socioeconómico, ao tempo que recompensa a responsabilidade social
das empresas ou negocios que usan a nosa lingua cunha maior difusión
e visibilidade dos seus produtos ou servizos. Ademais, o servizo
permite dispoñer de datos sobre o uso do galego de cara a mellorar
as actuacións de dinamización lingüística que se realizan neste
ámbito dende a administración local.
Durante
a presentación, o técnico de Ágora Aberta Óscar Maceira, destacou
que este directorio quere ser un ligazón entre as empresas que usan
o galego, por unha banda, e os usuarios/as que solicitan este
servizo, pola outra. Nas súas palabras, “xorde da necesidade de
cubrir a demanda do público por negocios que os atendan na nosa
lingua”. O técnico tamén puxo o foco nas facilidades que pon en
xogo a plataforma, tanto para as empresas á hora de acceder e subir
a súa información de maneira doada e rápida, como para o
consumidor/a á hora de chegar a ela.
A
concelleira de Normalización Lingüística e Comunicación, Isabel
Vaquero, sinalou que con iniciativas como a posta en marcha deste
directorio ou o Premio Lingua e Empresa, búscase “agradecer e
recoñecer o traballo dos membros do sector socioeconómico que
axudan a poñer en relevo o feito de que o noso idioma tamén é
válido para o mundo dos negocios”. Asemade, salientou a
importancia destas iniciativas, enfocadas a “intentar aumentar e
mellorar o uso do galego neste sector”.
Pola
súa banda, Isabel González, concelleira de Promoción Económica e
Atención Veciñal, expresou o seu desexo de que #galegoempresas
“sexa unha ferramenta que siga axudando ás empresas que xa veñen
achegando os seus servizos e/ou produtos en galego”, así como de
que “se incremente o número de empresas, tanto do noso concello
como de Santiago e Teo, que se animen a formar parte desta plataforma
ata convertela nunha rede máis grande e ampla”.
Sinxeleza
e accesibilidade
O
Concello salientou recentemente o carácter sinxelo da ferramenta,
destacando que as empresas interesadas e incorporarse á plataforma
poden facelo en poucos pasos, accedendo á mesma e cubrindo o
formulario de autodiagnose. Unha vez que sexa validado polo servizo
de normalización lingüística municipal, recibirán unha mensaxe
para que completen a información coa que se queren presentar
publicamente, como o logo, datos de contacto, descrición, imaxes,
web, redes sociais. A partir dese momento, a súa ficha está
dispoñible para o público xeral cos datos que as empresas queiran
facer públicos para difundirse e cunha valoración da porcentaxe de
uso do galego que ofrecen.
Logo,
a nivel de usuarios de a pé, podemos realizar buscas por
localización xeográfica e por sector, ou atopar o establecemento do
noso interese de maneira directa para ter todos os seus datos de
contacto á man.
