Betabeers serviu de escaparate a varios proxectos galegos
venres, 4 de outubro do 2013

- Alberto Basalo explicou as vantaxes dos desenvolvementos web con tecnoloxías de tempo real
As instalacións do espazo de coworking WeKCo, sito na Avenida
Novo Mesoiro da Coruña, serviu hoxe de escenario para a celebración da oitava
edición de Betabeers Galicia, encontro para desenvolvedores web e de
aplicacións móbiles coordinado por Reinaldo
Aguilera e que comezou cun relatorio impartido por Alberto Basalo (Docuralia) sobre o desenvolvemento de
aplicacións web en tempo real, no que conseguiu explicar tanto as posibilidades
desta tecnoloxía como as ferramentas que podemos atopar para tirar proveito da
mesma para desenvolver solucións web que poden ir dende un sinxelo chat ata un
servizo que amose datos actualizados a cada momento.
A continuación, e como incorporación de última hora, César Quinteiro (Intergal) explicou da súa
integración para JAK (banca libre de intereses), intervención coa que púxose
fin á parte máis técnica de este evento que nunha segunda parte serviu de
escaparate dun par de novos proxectos.

- Marcos Espada explicou o salto de MobGen de Holanda a Galicia
Marcos Espada e Javier de la Peña explicaron as súas experiencias en MobGen, compañía nacida en Ámsterdan, que
tras abrir sedes en Londres e Singapur atrévese agora coa Coruña, onde están
comezando a operar desenvolvendo aplicacións para iOS e Android, realizando
controis de calidade de software e atendendo a grandes clientes como
Autotrack.nl, Aegon, VimpelCom ou KPMG. Amosaron algunhas das súas aplicacións
móbiles, deixando claro que na actualidade o mercado xa está a demandar
solucións complexas, e non se conforman con simples ferramentas promocionais,
aproveitando o potencial das apps para banda electrónica, equipos de vendas,
ferramentas de traballo... deixando bastante espazo para a innovación.
Pechou a para forma deste encontro a presentación do proxecto Seidunsitio.com, no que os seus responsables,
Ero Sante e Sabela Cinza, detallaron
o que pretenden con esta iniciativa de información turística cun enfoque
diferente, á vez que aproveitaron para comentar distintos atrancos que están a
atopar para que esta iniciativa chegue a converterse no que perseguen, o que
podería ser realidade en poucos meses.
Tras estas intervencións en WeKCo, os asistentes trasladáronse a un local das
proximidades para facer networking,
para ser consecuentes co nome deste tipo de encontros que están conseguindo
consolidarse na nosa comunidade.

- Os responsables de Seidunsitio.com explicaron o que pretenden acadar co seu proxecto web
