Bluesky abre o rexistro de usuarios
martes, 6 de febreiro do 2024
Nacida como unha alternativa descentralizada a Twitter, Bluesky leva uns meses querendo converterse na grande alternativa á plataforma social de Elon Musk, pero facendo imposible o seu trunfo ao limitar eles mesmos o seu alcance, xa que a súa aplicación inicialmente só estaba dispoñible para iOS (non chegou a Android até o pasado abril) e só podÃa conseguirse conta mediante convite.
Bluesky por fin ábrese ao público xeral, sen precisar convite para darse de alta, pero semella ter dado este paso demasiado tarde, xa que boa parte dos seus 3 millóns de usuarios apenas teñen actividade na plataforma, mentres que Instagram conseguiu que Threads superase os 130 millóns de usuarios activos.
É posible que Bluesky atope o seu espazo (probablemente polo seu empeño en conseguir unha boa moderación de contidos), pero resulta evidente que non será como unha alternativa a X/Twitter, xa que a escala é moi diferente, e tampouco parece que haxa motivos para apostar por Bluesky en vez de por Mastodon (plataforma coa que teñen demasiadas cousas en común).