Bluesky fai máis seguro o uso de dominios como nomes de usuario

venres, 20 de decembro do 2024 Marcus Fernández

A plataforma social Bluesky ten unha curiosa alternativa ao sistema de verificación de contas doutras plataformas, que consiste na posibilidade de empregar como nome de usuario un nome de dominio da Internet que estea baixo o noso control, como un xeito de auto-verificar a nosa identidade, o que dista de ser un método efectivo de evitar a suplantación de identidade, pero pode resultar de grande utilidade para identificar contas oficiais.
O grande problema deste mecanismo é que, os usuarios que se daban de alta cun nome de usuario co sufixo .bsky.social (predeterminado pola plataforma) e logo querían empregar un nome de usuario co seu propio dominio da Internet, no cambio perdían o primeiro nome de usuario, deixándoo libre para o seu rexistro por parte de suplantadores, algo que veñen de arranxar coa versión 1.96 de Bluesky.
A partir de agora, se un usuario ten un nome de usuario que remata en .bsky.social, ao mudar a un dominio propio o anterior nome de usuario queda reservado de xeito ilimitado, impedindo así unha suplantación de identidade tan sinxela como perigosa.
Esta actualización de Bluesky tamén incorpora unha nova ficha de mencións nas notificacíons e outras melloras visuais.