Bota a andar o comité de dirección do Vigo Tecnolóxico

mércores, 18 de decembro do 2019 Redacción

A Universidade de Vigo vén de informar da posta en marcha do comité de dirección de Vigo Tecnolóxico, cuxa finalidade será “analizar as necesidades conxuntas do campus de especialización e propor medidas correctoras”. Estas son, segundo o director do Vigo Tecnolóxico, Daniel Villanueva, as principais funcións dun equipo de traballo que estará presidido polo reitor da UVigo, Manuel Reigosa.
Ademais, está constituído por María Consuelo Pérez, vicerreitora de Transferencia; Itzíar Goicoechea, directora da Área de Transferencia e subdirectora do Cintecx; Juan Pardo, director da Escola de Enxeñería Industrial; David Patiño, subdirector de Infraestruturas e AAEE da Escola de Enxeñería de Minas e Enerxía; Manuel Fernández, subdirector de Organización Académica da Escola de Enxeñería de Telecomunicación; Carlos Mosquera, director de AtlantTIC e o propio director do campus, Daniel Villanueva.
A conformación do comité, que conta con representantes das direccións das escolas de enxeñaría e dos centros de investigación do ámbito tecnolóxico do campus vigués, fora aprobada no Consello de Goberno do pasado mes de novembro.
O novo órgano de dirección contará con dous comités consultivos, un académico e outro social- empresarial. O primeiro estará integrado por expertos de prestixio nos ámbitos de actuación do campus de especialización, mentres o social-empresarial contará cunha ampla representación dos axentes sociais e empresariais ligados á especialización do campus. Tal é o caso de entidades e organismos como CEP, ARVI, ACLUNAGA, Zona Franca, ASIME ou INEGA entre outras asociacións, clústers e institucións da contorna do campus.
Sobre o cometido do Vigo Tecnolóxico, o seu director lembra que “é a resposta de Vigo á estratexia de especialización e diferenciación dos campus, de acordo aos principios do novo modelo de organización universitaria proposto pola Xunta de Galicia”.

PUBLICIDADE